Dentro da Catedral é o monumento máis coñecido, visitado e valorado mundialmente.
O Pórtico, tal como o realizou o mestre Mateo, estaba no exterior, na entrada polo Obradoiro. Cando nos séculos XVII e XVIII ergueron a fachada actual, antepuxérona ó Pórtico. Quedou así defendido da intemperie pero tamén oculto.
Para interpretar a lección que o Pórtico quixo deixar para todos os peregrinos que alí esperaban para abriren as portas da Catedral, hai varias opinións de sabios e expertos. Unhas seis. Imos prescindir de interpretacións e daremos unhas ideas xerais que, en todo caso, son válidas.
O parteluz.- É a columna central, o máis visible. Unha peza de alabastro onde aparece unha enramada ascendente. En ocos desa enramada adoitan poñer os cinco dedos rezando. Así, polo uso, foron agrandando. Chámanlle a “árbore de Xesé”, que era o pai do rei David. Aparece este tocando a arpa e máis arriba Nosa Señora, descendente de David.
Santiago acolledor.- Enriba do capitel desa columna un Santiago Peregrino, sorrinte. Aquí xa asoma o estilo que chaman protogótico. Entramos na casa do Señor Santiago.
Tímpano.-Figura central, de grandes dimensións. Xesucristo coroado, por resucitado, pero amosando as chagas da Pasión. Cabo del, rodeándoo, os catro evanxelistas, con símbolos xa recoñecidos: águia para S. Xoán; touro para Lucas, león para S. Marcos e neno para S. Mateo.
Ánxeles que portan os instrumentos da Pasión.
Coroando este arco central están os 24 anciáns de que fala o libro do Apocalipsis (V,8). Pero que merecerán un tratamento noutra A Xanela.
Columna central á dereita.- Os tres apóstoles máis achegados ó Señor (Pedro, Santiago e Xoán), xunto con S. Paulo. Son catro, por tanto. Representan o Novo Testamento.
Columna central da esquerda.- Grandes profetas do Antigo Testamento: Moisés, Elías, Xeremías e Daniel.
Arco menor da dereita.- O paganismo cos seus pecados. Os vicios castigados no inferno.
Arco menor da esquerda.- O xudaismo que esperaba un redentor. Hai anxos que levan as almas á Cristo (ó tímpano central).
Figuras de animais que soportan ás columnas de todo o Pórtico.- Para uns son símbolo dos vellos países polos que se extendeu o cristianismo. Para outros son representacións dos aberrantes pecados que había nos tempos pre-cristiáns.
Proseguiremos…