É un tempo da liturxia católica de particular contido. Celebramos a chegada do Señor Xesucristo a este mundo vai xa para 21 séculos. Feito histórico, si, pero na Igrexa ponderamos a misión salvadora de Xesús Noso Señor. Tamén profesamos a fe na chegada ó final dos tempos, como dicimos no Credo.
Finalmente, acollemos ó Señor, infante, na renovada presencia súa nos nosos días. Así o pide a liturxia.
Quizais o que non se salienta abondo é que o Advento é un periodo excepcionalmente mariano. Nace o Señor de nai que é María Santísima, a chea de gracia, sen pecado, desde a súa concepción, polo tanto, xa antes de nacer, por disposición divina. Certo que despois, María, pola súa Fe e obras, foi acugulando tantos dons como ningunha outra criatura.
Polo ano adiante hai moitas festividades adicadas a Nosa Señora. Pero no Advento celebramos que no seno de María converxen dúas filiacións: a de Xto. Xesús e a nosa, os redimidos, pois no instante en que a Encarnación se produce empeza a existir a Redención universal a completar na Cruz, é dicir, a nosa filiación en María. O Advento ten o seu cumio cando celebramos a Sta. María, Nai de Deus e, por seguinte tamén nai nosa.
Ademais dos dogmas fundamentais de María, na Igrexa de Deus foron nacendo advocacións marianas, todas teñen a súa particular historia e mensaxe. Así temos: N. Sra. do Carme, Fátima, Lourdes, A Barca, Milagrosa, A Franqueira, Ollos Grandes, O Corpiño… Un rosario de nomes moi devotos que moven moitedumes.
Tamén no Advento temos algunhas destas advocacións. Por exemplo: N. Sra. de Guadalupe, da Esperanza, de Loreto, n. Sra. da O (María como pre-mamá).
O día primeiro do ano, temos Sta. María co seu dogma fundamental na Historia da Salvación: Nai de Deus e tamén nosa Nai. Para así, da súa man levados poidamos percorrer todos os días do ano novo.