O Alzheimer

por

Dura palabra, ai! Resoa como unha labazada. Leva o nome do gran neurólogo que descubriu tal enfermidade dexenerativa. Disque hai un millón de persoas que a padecen en España. Pode empezar xa nos 50 ou 60 anos. Vai avanzando e, ao final, a persoa queda con só vida vexetal.

De cando en vez hai noticias esperanzadoras por parte da medicina. Sexan benvidos, e axiña, eses remedios. Mentres tanto, hai que utilizar as nosas facultades: memoria, intelixencia, diálogo. Facer crucigramas, poemas, escribir recordos, coleccionar algo. Non quedar pasivos ante a TV.

Quizais todos temos recordos de persoas con alzheimer. A súa cara non ten a expresividade de antes, non aparecen sinais de alegría cando nos ven, anque nos recoñezan; a súa fala, o seu vocabulario e lembranzas son pequenas.

Mais, para nós, eses rostros non son mera pantalla, senón un tesouro que leva gravadas moitas vivencias dunha felicidade longamente compartida. Alí late un corazón que ama, anque non o manifeste. Unhas mans que nos serviron.

Quen coida ós que sufren alzheimer son un exemplo de amor á vida. Tamén os coidadores merecen, ademais de louvanzas, o coidado especial.

En Carballo temos AFABER, nacida polo interese de familiares de enfermos. Alí, nese centro (Rúa Camelias nº 2 ) desvívense por atender ós enfermos. Veñen de todo Bergantiños. Hai médicos/as, especialistas terapeutas que poñen o seu saber  e o seu cariño por atender.

Desde as 16 horas ata as 20 horas, os enfermos son tratados, non só para que o mal non avance, senón tamén para conseguir unha mellora na calidade de vida. Aquel centro de AFABER é un derroche de amor. Benditas mans que tocan, animan, confortan. Mesmo dan unha sabrosa merenda ós acollidos.

Velaí un campo no que  a obra social dos concellos e outros organismos, a lei de Dependencia, teñen que facerse presentes.

Co alongamento da esperanza de vida, poida que haxa máis enfermos con este mal.  Hai en España altísimos soldos e organismos que son  rebaixables e prescindibles. Por non falar da corrupción que vimos padecendo de vello e acotío se fai presente.

Gran aforro para axudar ós enfermos de alzheimer.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?