O entroido

por

Todo cambio estacional imposto polo movemento de traslación da Terra, trae consecuencias festivas nas vellas culturas. Cando os nosos devanceiros vivían da caza, sobre todo, do xabaril, a celebración festiva era con carne deste totémico animal. Coa romanización comezou o traballo da  terra, os galegos baixaron dos castros, fundaron as nosas aldeas, o xabaril pasou a ser animal doméstico. O cocho, que se mantiña polas carballeiras adiante, en manadas, foi o sustento de a cotío para o labrego, ademáis das castañas de castiñeiro. Con cancelos e portelas, tornaban os cochos das leiras, para que non estragasen as anadas nin levantasen a terra fozando.

A caza foi divertimento dos grandes señores. Os Andrade, protectores de mosteiros en Bergantiños, farán do xabaril o seu distintivo heráldico. Os Osorio de Altamira brasonarán as súas armas coa cabeza do lobo, sangrante, obxectivo cualificado do cazador. ¡Quen sabe se os Altamira non terían por estas terras o seu mellor territorio para andar de caza! Os Moscoso de Montaos, tamén levan lobos no seu escudo. Todo é montesío.

I

     Mentres tanto, o pobo bergantiñán tiña carballeiras abondo, para que os cochos se mantivesen coas landras de tantos carballos. Velaí unha restra de topónimos que nolo anuncian: Carballo, Carballás, Cerqueda, Cerqueirás…

Co porco facemos festa na entrada da primavera. O nome que vén do introitus, ha de evolucionar e, por facilidades fonéticas dará entroido, rematando o proceso en Antroido. No vocabulario bergantiñán, non había a verba carnaval, que aínda que vén do latín, pasa polo italiano e chega ó castelán, significando despedida ás carnes, que se suprimían na Coresma, por ser un tempo penitencial.

Celebrándose o entroido en ambientes de cultura Cristián, é dicir, ó considerar o antroido como entrada á Coresma, como queira que esta depende da Pascua, o antroido vén caendo as máis veces dentro do inverno. Pois a Pascua sempre é no domingo seguinte á Lúa chea da primavera. Esta festividade cristiá segue un calendario mixto, solar e lunar, como xa tiña entre os hebreos.

 

(Seguiremos publicando nas próxima Xanelas este traballo de D. Xosé sobre o Entroido)

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?