O entroido (III)

por

Por outro lado, o carballo vai  experimentar unha plena metamorfose ó  chegar a primavera. Vístese de verde, un verde tenro ó comezo, ata un verde escuro, no verán. Esta  metamorfose chega a todas as árbores, a toda a natureza. Tamén, pois, ten que chegar ás persoas. A fantasía popular atopa aquí campo aberto, tanto para manter formas tradicinais, como para novas creacións. Xurde así a celebración coñecida como correr o antroido . Manadas de xente, de estrañas e festivas maneiras vestidas, en variada metamorfose artificial, van de porta en porta. Son os vellos do antroido , levan anciños, sachos, gadañas, fouciños…nunha exaltación da propia cultura. Os veciños saen ás portas. Hai filloas e viño para todos. Os que levan a cara cuberta, e falaban por sinais e desfiguraban a fala, descobren a súa identidade, con gozo e gargallada da xuntanza.

Nalgunhas terras de Bergantiños desfila o madamito, personaxe que, coidamos, representa o señorito listo e afeminado. Pola textura da palabra (francés castelanizado) parécenos que será unha evocación dos tempos da francesada en Galicia. Preténdese así facer burla do estranxeiro que se estima superior.

Tamén aparecían os madamitos nos monifates que os fogueteiros facían para queimar tras a misa grande nas nosas festas. Naqueles divertimentos os madamitas eran protagonistas, coma ferreiros ou canteiros, naquela efémera foguetería.

Como singularidades locais do entroido temos que subliñar. O Enterro da Mikaela, en Buño, A Andaina dos Madamitos, en Cerqueda; O Enterro do Farruco, en Seaia, e O Enterro do Faustino, en Malpica.

En Bergantiños non hai correos nin xenerales, como na Ulla, nin cigarróns ou peliqueiros como en Ourense. Temos os vellos que corren, anuncian, fan, son o mesmo antroido. Algo ben espontáneo, primitivo, natural.

 

(Seguiremos publicando nas próxima Xanelas este traballo de D. Xosé sobre o Entroido)

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?