O galego falado en Bergantiños

por parroquiacarballo

No pasado, foi Bergantiños un país aillado, ben determinado xeográficamente, pero apartado do eixe político e social que eran Coruña e Santiago. Amante das súas tradicións, mantivo con fidelidade a súa fala galega, nidia, enxebre, anque propia dun pobo laborante na agricultura, na gandería e na pesca. Foi nestes ámbitos onde se manifestou creativa a relación coloquial bergantiñá.

Velaí os poetas e poetisas que na súa inspiración crearon versos, cántigas e lendas. Velaí a regueifa que conservou Bergantiños e agora trascende a toda Galicia desde o seu epicentro en Carballo.

Na creación da lingua castelá tiveron moito que ver os trovadores e xograres. Tamén Galicia tivo os seus xograres tan célebres como Martín Códax, Mindiño e Xoán de Cangas, ós que se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 1.998. Esta función fixérona, e fanna, en Bergantiños as nosas Cantareiras ás que se lle dedica o Día das Letras Galegas deste ano 2.025.

Se lemos O Fidalgo, atopamos expresións, palabras que hoxe necesitan explicación. Trátase dunha obra típicamente bergantiñá por tema, autor e identificación coa sociedade deste país que soubo escenificar moi ben o  noso “zapateiro-poeta-académico” que foi Xesús San Luis Romero. Por iso, hai edicións da súa obra que engaden un vocabulario para que o lector penetre o sentido social que ten a obra. Xa non quedan hoxe entre nós persoas, de alta idade que entenderían por si mesmas o contido de esas voces. Persoas que, lamentablemente, quizais non tiveron a ensinanza primaria que lles correspondería; que non tiveron radio nin TV, pero falaron cos seus antepasados, lográndose a transmisión da lingua sen entorpecemento do castelán.

Se abrimos o Dicionario da Real Academia Galega na súa última edición en papel (1.997), podemos comprobar como na páxina parela do Diccionario da Real Academia Española hai gran semellanza de voces. Iso é así porque no Diccionario da Real Academia Galega somentes recollen as palabras cultas, é dicir, as derivadas con claridade do latín, pero non aparecen as palabras patrimoniais, típicas de cada bisbarra galega, pois quérese facer unha lingua galega “universal”.

Mais, esclarecidos lingüistas fixeron este labor, rescatando voces, ideas, que corresponden ao pasado que singulariza cada comarca de Galicia. Bergantiños foi un tesouro de palabras propias, ás veces con difícil etimoloxía, pero que son alfaias do noso falar.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?