Pasou o verán

por

Mirando como foi este noso verán, notamos que non tivemos aqueles lumes desastrosos que houbo no septembro de 2017 en Ourense. O clima axudou, pero coido que tamén o ter as toxeiras limpas, a vixianza dos montes pola Garda Civil, as cámaras e os drons,  todo debeu permitir ter un verán máis apaciguado en canto ó lume. Pero, cánto costa todo ese aparato de vixianza? Non sería mellor que fósemos máis cívicos; máis amantes da natureza e do próximo; máis coidadosos no manexo do lume? Todo o que aforrásemos así podería ir a gardarías, hospitais, estradas…

De todas formas, si, houbo o gran incendio da serra do Invernadoiro. “Invernadeiro” titularon algúns, cedendo á presión castelanizante. Lembremos que temos: “Obradoiro, lavadorio, vertedoiro, idoiro” (O da cociña da casa é “vertedeiro”)

Temos tamén os accidentes debido ás moitedumes que se xuntan cando actúan as grandes orquestras. Empezamos a ter problemas cos macropalcos  das orquestras. En Melide, moveron a protección que defende o emblemático cruceiro. En Cereixo, cortaron unha póla do famoso carballo  que hai no adro.

No caso do Marisquiño non houbo a prevención necesaria. Afortunadamente, tampouco víctimas mortais. Pero a seguridade neste tipo de eventos é algo cada vez máis esixible. Por iso xa falan de reducir a tasa de alcol, quedando en “O” alcol. Tamén todo tipo de teléfono e televisión nos coches.

Somos a comunidade española que ten máis afogamentos no verán. Hai quen non respecta as bandeiras que avisan de perigo. Ás veces tampouco hai socorristas abondo.

Pensando en algo positivo, recordaremos a presentación ó público do Pórtico da Gloria despois de 10 anos de restauración, que patrocinou a Fundación Barrié. Como hai que aguantar dúas horas na cola para poder chegar a velo, estamos coas ganas diso. A ver se no outono decae o turismo e podemos contemplar, gozar, con tal marabilla do mestre Mateo.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?