Hai unha metamorfose na natureza que sentimos todos. Un aire morno, un Sol madrugador e perguiceiro no solpor. Unha luz radiante que cae vertical sobre nós, pois o Sol está vixiante, observador, no alto do ceo azul. As árbores, os campos amosan varias cores, visten de festa para este mes. As lendas, os refráns adornan un mes tan querido, esperado.
Vacacións para estudantes. Empezan as quendan das festas nas parroquias. Veñen os emigrantes. Nas praias, a xente buscará robustecer os corpos e vencer as friaxes do inverno.
Pero hai unha contrapartida que pode facernos un verán amargo. Moita circulación polas estradas, perigo de accidentes. Polos descoidos ou pola malicia das xentes, o lume nos montes. Por atrevementos, afogamentos nas praias.
Non seremos capaces de vencer esa maldición do lume nos nosos montes, casas…? Aprendamos do noso Patrón.
S. Xoán é un santo precursor, avisador, monitor. Anunciaba a Cristo, pero tamén denunciaba as hipocresías, chamaba á conversión. Moitas imaxes do Santo amósano coa man alargada sinalando o camiño para seguir a Cristo que pasa. Responsables sexamos, pois.
Que o Sto Patrón de Carballo sexa o guieiro da comunidade, que nos leve ó Señor. No día seguinte (25-VI) temos a solemnidade do Santísimo Sacramento que pasará bendicindo rúas e familias da freguesía. Remataremos honrando á Nai do Señor, tamén nai nosa, na devoción tan clásica e popular como é a da Nosa Señora do Carme.