Repasando os días do ano que imos rematar, encontramos feitos que doen moito, que firen a sensibilidade de calquera ser humano. Así pensamos:
1.-Ucrania.- Impresiona aquela imaxe que vimos todos. Os nenos van á escola, levan as súas mochilas, pero as clases son no túnel do metro. Alí protexidos contra bombardeos poñen clase os señores mestres. ¿Non haberá unha sensibilidade humana que se decate de tanto dolor que causa unha guerra? Tantas familias rotas, dispersas, que perderon as súas facendas, que se retornan non teñen onde acobillarse…
2.-Palestina.- Aquí temos reproducida a Pasión do Señor. A Oración no Horto de Getsemaní está representada polos monumentos que en Xerusalem foron escenario da vida, morte do Señor.
Toda a desfeita que a guerra está producindo: nenos sen pais vivos, xente debaixo dos cascallos, hospitais ateigados de enfermos… todo é a Flaxelación, Coroa de Espiñas, a Morte do Señor no Calvario.
Entran camións con axuda.- Así fixo a Verónica, o Cireneo, e as almas fieis que estiveron ó pé da Cruz.
¿Conseguirase algún día que haxa alí dous estados independentes, ben levados: Israel e Palestina?
3.-Achegándonos ó noso.- Carballo necesita a ampliación do Centro de Saúde. Xa está a disposición da Xunta o sitio previsto. Somos unha poboación cada vez máis vella. Necesitamos esta atención primordial.
Outra necesidade.- A estrada que dirixe o tráfico para chegar libremente ó Polígono de Bértoa. Quen vexa pasar tantos camións pola zona escolar do instituto Alfredo Brañas, tremerá ante ó que un mal día poida pasar. Son camións pesados, articulados, que mal poden dar as rotondas que hai no traxecto.
Desde hai tempo ó Sr. Alcalde preocúpalle este problema. Sempre foi algo primordial nas súas xestións. Dóese Evencio Ferrero de que tarde tanto esta solución que tanto favorecería a esta vila.