San Benito en Carballo

por

Amante das obras ben feitas en cantería galega é D. Eduardo Puga Vila, compañeiro sacerdote que serve e alegra esta unidade parroquial de Carballo. Velaí a arte dos canteiros de Pontevedra estudados por Antón Rodríguez Fraiz, natural de Cerdedo, párroco que foi de Campañó.

S. Benito de Montillón é un santuario que foi atendido por D. Eduardo, na parroquia de Souto, concello da Estrada. Os benedictinos evanxelizaron, socializaron ós bárbaros do norte. Salvaron a cultura, documentos e cantos antigos. Con xustiza S. Benito (Bieito, tamén) é o Patrón de Europa. A nosa arquidiocese tivo grandes mosteiros benedictinos: Pinario e S. Paio en Compostela; Lérez e Poio en Pontevedra, Oseira e Sobrado.

Poucas parroquias hai sen presencia destes monxes, ben da antiga observancia (de negro) ben os cistercenses (negro e blanco). En Ferreira de Coristanco hai festa ó santo no luns de Pascua. É patrón de Golmar-Laracha. Famosos son os S. Benitiños de Lérez e Paredes, preto de Pontevedra, vencellados por unha fermosa cántiga popular.

En Carballo está xustificada a presencia da imaxe do santo, pois un mosteiro bieito, Soandres, atendeu moitos anos a parroquia. E a toponimia da vila (o San Martiño) é referencia actual á orde de S. Benito.

A imaxe de Carballo, que coma á de Montillón está inspirada na que aparece na fachada do gran mosteiro de Pinario, que marca a pauta a tantas imaxes do santo. Así, viste túnica negra, báculo na man dereita como é propio de abades, e na man esquerda leva o libro das normas para a santificación dos monxes, e mitra ao seu pé. Un corvo con pan no peteiro representa a pobreza e confianza en Deus.

O corvo é recurso frecuente nos escultores, así vai con S. Paio Ermitán, con S. Vicente mártir, con S. Roque de Montpellier.

Outra esplendente imaxe de San Benito haina no retablo lateral dereito da igrexa de San Martiño Pinario.

Botamos de menos a San Benito nas nosas igrexas. Como tamén quixeramos que houbese máis imaxes de Santiago Apóstolo.

Que San  Benito de Nursia nos dea ánimos para traballar e orar, que é a síntese da ascética benedictina.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?