No concilio de Trento (S.XVII) entre tantas reformas que dispuxo na Igrexa, determinou que os sacerdotes se formasen en centros especializados, que chamou Seminarios. A diocese de Santiago foi unha das últimas en crear o seu Seminario. Razón: aquí tiñamos unha universidade creada polo arcebispo Fonseca III na que había a facultade de Teoloxía e Dereito Canónico e outras máis. Aí era onde se formaban os nosos sacerdotes.
Pero esta formación nunca satisfixo ós prelados de Compostela, pois a vocación sacerdotal precisa máis ca coñecementos teolóxicos. Así chegamos a 1.829 e o arcebispo Rafael de Vélez funda o noso Seminario Conciliar. Quedou establecido nun edificio propio da diocese que erixira o arcebispo Sanclemente. Centro que está preto da alameda de Santiago.
Viñeron os anos de 1.835 e 1.836 nos que houbo a exclaustración de relixiosos e a desamortización de bens eclesiásticos. O gran mosteiro benedictino de S. Martín Pinario quedou valdeiro. Está moi preto da Catedral.
Foi cando o cardeal García Cuesta propuxo ó Estado trocar o edificio de Sanclemente polo de S. Martín. Éste foi maltratado, dedicado a cuartel, queimaron a biblioteca. O de Sanclemente estaba ben conservado. Fíxose o troco. Estamos en 1.867.
O cardeal Payá y Rico en 1.876 conseguiu da Sta. Sede que o Seminario de Santiago fose Central, é dicir, que puidese dar grados académicos en Teoloxía e D. Canónico ós alumnos de Galicia e Asturias.
O cardeal Martín de Herrera obtivo da Sta. Sede en 1.896 que o Seminario Conciliar Central de Santiago fose Universidade Pontificia. Así, poderá conceder grados de Teoloxía, Filosofía e D. Canónico a alumnos de calquera procedencia.
Pero chegamos a 1.932 e o papa Pío XI quere que o nivel científico das Universidades Pontificias sexa maior e adecuado ós tempos. Quedan todas suprimidas e presentarán novos plans de estudios. Tamén queda suprimida a chamada Carreira Breve, que era para alumnos maiores en idade. Tiña seis cursos: 3 de Humanidades, 1 de Filosofía e 2 de Teoloxía.
Polos anos de 1.940 funcionaba en España a Universidade Pontificia de Salamanca. Despois, a de Comillas.
O cardeal Quiroga, en 1.971, crea no Seminario o Instituto Teolóxico Compostelano, que, en 1.978, co arcebispo Suquía pasa a integrarse na Universidade Pontificia de Salamanca. Desde 1.981, o Instituto Teolóxico Compostelano dá os grados en Bacharalato e Licenciatura en Teoloxía Fundamental.
Visto o pouco alumnado que hai nos nosos Seminarios, o papa Francisco quere que se xunten varios para acadar un número conveniente. Así, neste curso 2.024-25, temos en Santiago o Seminario Interdiocesano no edificio de S. Martín Pinario que acolle seminaristas de Santiago, Tui e Mondoñedo. En total: 23 alumnos.
O papa Xoán Paulo II dixo que o traballo polas vocacións sacerdotais era prioritario. Máis aínda: que o número de vocacións era o mellor sinal para coñecer o nivel de vida cristiá.