San Vicente, Mártir

por parroquiacarballo

San Vicente (“Vicencio”, vencedor) é un dos tres diáconos venerados con solemnidade litúrxica na Igrexa. Os outros dous son: S. Lourenzo (“O laureado”) e S. Estevo (“Manifestación”, estefanía), que teñen as súas festividades en 10 de agosto e 20 de Nadal respectivamente.

San Vicente (22 de xaneiro) é patrón da parroquia de Vimianzo. Teñen alí igrexa nova e un gran Castelo que foi dos Altamira.

Hai dúas parroquias en Dubra, contiguas, que teñen por patrón a S. Vicente. Son Rial e Niveiro. O pobo dubrés, imaxinativo, compuxo estes versos relacionando ambas freguesías:

“Quén é aquel santo, que vai por aquel camino? É San Vicente de Rial que vai ver ó de Niveiro”.

San Vicente moito culto tivo en España porque era de Zaragoza e foi martirizado en Valencia o 22-I-304. San Agustín, bispo de Hipona, en Arxelia, tivo noticia do martirio de Vicente e loubouno nos seus sermóns.

Hai un S. Vicente Ferrer, presbítero, do século XIV. Foi dominico e como tal, un gran predicador. En Santiago de Compostela hai a igrexa de Sto Domingo, de fermoso estilo gótico. Os frailes dominicos tiveron que deixala cando foron exclaustrados no século XIX. Pois ben, nesa igrexa consérvase un púlpito desde o que predicou este S. Vicente Ferrer, tamén gran profesor de teoloxía. Se ides ver aquela igrexa e ó Panteón dos Galegos Ilustres que alí hai, o púlpito do que falo está preto do sartego de Daniel Castelao.

Falando de santos chamados “Vicente”, temos que salientar a S. Vicente de Paúl (s. XVI –XVII). Foi párroco en París, fundou as Voluntarias da Caridade. Despois coa axuda de sta. Luisa de Marillac, fundou as Fillas da Caridade. Que chegaron a España, desde Francia, haberá 230 anos. En Carballo levan desde hai uns 70 anos. Do seu meritísimo labor en favor dos necesitados, todos somos testemuñas. Tamén fundou S. Vicente de Paúl os Sacerdotes de Misión. O moi recordado Padre Carracedo, de Rus, era destes sacerdotes misioneiros.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?