Moitas parroquias na nosa arquidiocese teñen por patrón a este santo. Tan popular é que o seu nome ofrece variantes.
Así, hai quen o coñece como Xián, Xiao, Xiau, Xullán. Preto de nós temos as parroquias de Malpica, San Xusto e Cabaleiros. Celebran ao San Xulián, como patrón, o día 7 de xaneiro. Máis lonxe temos: Negreira, P. Cesures, Bastavales, Samos, Mugardos… co mesmo patrocinio, S. Xulián é patrón de Ferrol. Na súa concatedral hai dúas imaxes colaterais, son: San Xulián e Sta Basilisa.
Os datos esenciais dispoñibles son: un santo do século IV, casou con Basilisa, os dous foron santos mártires.
Xulián, Mamed, Cristovo, Eufemia, Mariña … son santos orientais, o seu culto foi traído a Galicia por outro santo oriental, S. Martiño Dumiense, que veu para acó mandado polo papa S. Dámaso, que era español e sabía moi ben o que pasaba en Galicia. En efecto, desde o século IV ao s. VI, Galicia estaba dominada polos suevos, invasores. Eran arrianos, é dicir, tiñan un cristianismo mesturado con herexía. Había, pois, que purificar a fe cristiá dos galegos. Misión que S. Martiño de Dumio (despois arcebispo de Braga) exerceu traendo exemplos de fe auténtica, como era a deses mártires.
Por iso temos poucas noticias da vida daqueles santos. Cando faltan noticias, aparecen as lendas. Cómo é a de S. Xulián? O santo aparece vestido coma un príncipe do Renacemento. Con isto quería significarse que o mártir Xulián tiña a súa condición de cristián como o valor máis importante da súa vida. Antes ca apostatar, o martirio.
Disque era cazador, co falcón, que leva na man esquerda. Pero hai imaxes do santo que lle poñen unha espingarda rudimentaria, que, por suposto, non había no século IV. Isto obedece a lenda que os cazadores, sempre moi imaxinativos, crearon para o noso santo. Din que unha vez Xulián marchou cazar, na casa quedou Basilisa. Veu por alí un pobre cheo de fame e frío e santa Basilisa alimentouno e meteuno na única cama que había na casa. Chegou Xulián, viu aquel home no seu leito e disparoulle. Uns contan que o matou, outros que o feríu. Basilisa aclarou a Xulián o que pasara. De alí en diante os dous marcharon a facer penitencia. Finaron mártires.
Por iso serviron de exemplo para tantos pequenos mosteiros que en Galicia houbo, antecesores das nosas parroquias.
É día do onomástico de tantos que levan desde o seu bautizo o nome de Xulián. Entre eles, D. Julián Barrio Barrio, arcebispo emérito de Compostela, que será recordado entre os grandes prelados que a nosa Diocese tivo. Desde estas humildes liñas felicitámolo, cordialmente, respetuosamente.