Santiago, cidade do Apóstolo

por parroquiacarballo

Había unha pequena poboación co seu camposanto. Alí viñeron sepultar o Corpo do Apóstolo, acollido con particular devoción e venerado na contorna. Pero chegados ó comezo do século IX, o ermitán Pelaxio que vivía no Solovio, preto do sartego, manifestou ó mundo o tesouro que alí custodiaban. Reis de Asturias, bispos de Compostela comprobaron a presencia do Apóstolo. Sucesivamente levantaron tres catedrais incorporando o sartego cos sagrados restos. A crecente presencia de peregrinos chegados de toda Europa foi acollida con gozo polos moradores da nova cidade Compostelá. As rúas marcan os camiños que levan ó santuario apostólico.

“Non se fixeron as catedrais no medio das ciudades, senón que foron as cidades facéndose arredor das catedrais” (Barrio Barrio)

Para os peregrinos fixéronse pontes, igrexas, hospitais, traídas de auga… Todo iniciativa de arzobispos e reis querendo corresponder ás moitedumes de peregrinos.

Chegando a Compostela polo Camiño Francés, temos os hospitais de S. Lázaro, o de S. Roque, os que había na actual Praza da Azibechería, e o Gran Hospital Real mesmo á beira da Catedral. Os arcebispos deixaron a súa pegada no rueiro compostelán: Teodomiro, Xelmírez, Rodrigo de Padrón, Fonseca, Sanclemente, Payá, Rajoy, Quiroga Palacios… todos contribuíron á grandeza da cidade e acollida de peregrinos.

Santiago veuse honrada coa presencia de San Xoán Paulo II por dúas veces; unha vez, por Benedito XVI.Unha gran Xornada Mundial da Xuventude, hai 32 anos, fixo a Compostela cidade modelo de acollemento. Dúas veces, as Peregrinacións Europeas de Xóvenes. Todos levan o nome e memoria de Santiago polo mundo adiante.

Temos que ser hospitalarios, comprensivos con quen vén con toda ilusión. Iso nos di o Evanxelio (S. Mateo XXV)

Cando veu a mocidade na Xornada Mundial da Xuventude, pensou o Alcalde de Santiago que aquel medio millón de mozos/as acabaría desfacendo os xardíns e alameda de Compostela. Cando remataron os días daquela gran xuntanza, as autoridades do Concello quedaron pasmadas ó veren o bo comportamento daqueles mozos/as. Nada foi maltratado, nin xardíns nin mobiliario urbán. Gran imaxe deixou entre nós a presencia alegre, educada, daqueles peregrinos xacobeos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?