Chegados o día de Sta. Cecilia, Icía (que decimos en galego) todo o mundo da música disponse a honrala, como patroa. Bandas, Corais, ensaiarán escollidas partituras para ofrecer a súa execución en actos solemnes.
O canto, na Biblia, é oración. O Libro dos Salmos contén o texto que servía para melodías que o pobo hebreo cantaba en diversas situacións. Pedindo polo rei, agradecendo a Iaveh as victorias, doéndose das derrotas, pregando perdón dos pecados, orando polas familias, cando ían ó templo de Xerusalem…
De Xesús sabemos que cantou o himno acostumado ó rematar a Última Cea (Mat. XXVI, 20). No Códice Calixtino de forma peculiar vai o himno que cantaban na Catedral: “Dum Pater Familias”. Os expertos interpretan os sinais que pon o Códice e vértenos ó noso pentagrama con notas habituais no eido musical.
O canto oficial da Igrexa segue sendo o chamado Canto Gregoriano. Conserva pezas do século XI. Vai escrito no tetragrama (catro liñas).
Nas nosas igrexas cantábase latín e castelán: Pange Lingua, Salve, Adoro te devote, Cantemos al Amor.
Pero chegou o Concilio Vaticano II e autorízase o uso das linguas populares na liturxia. Xurde así un torrente de cantos en galego, castelán, catalán… que quizais non aproveitamos como é debido.
A mocidade introducíu instrumentos de corda e percusión. Tamén a gaita galega (Rindamos homenaxe nisto ó Rvdo. P. Feijoo, e.p.d., fundador do orfeón Terra a Nosa).
Se nos fixamos nas nosas celebracións notaremos que o canto está preferentemente encomendado a grupos especializados ou cantores determinados. Pero o pobo, a masa de asistentes, escoita, sigue atentamente as melodías, pero non canta, polo menos, como debería esperarse.
Recoñecemos que a idade vai reducindo as facultades para cantar, anque saibamos os cantos, de tantas veces escoitados. Falta tamén ensaio e coordinación antes da ceremonia. Isto supón sacrificio para todos.
Penso tamén que as melodías, tal como veñen nos folletos que as publican, adoitan estar en tonalidades que buscan a brillantez, pero fan difícil que os maiores nos entreguemos ó canto. Axustar a tesitura ás posibilidades do pobo propiciará a participación. Hai persoas con dotes para entonar adecuadamente, animar e afinar se descamallamos na melodía.
Que Sta. Icía bendiga o traballo de cantos estimulan a oración cantada nas nosas comunidades. Todo será máis devoto e solemne.