Hai uns meses, por disposición do papa Francisco, nas letanías do Sto. Rosario, invocamos a María en favor dos emigrantes. Galicia é terra de emigrantes. Houbo un tempo no que os nosos paisanos marchaban ás Américas. Nos peiraos da Coruña e de Vigo producíanse despedidas que rompían os corazóns e, nalgúns casos tamén os vencellos coa nosa terra.
A nosa poetisa Rosalía, tan sensible cos males da poboación galega, tamén se referiu á emigración en memorables versos. Velaquí algúns deles:
“Adiós Virxe da Asunción / branca coma un serafín / lévovos no corazón /pedídelle a Dios por min /miña Virxe da Asunción”… Adiós, tamén queridiña /adiós por sempre quizais / dígoche este adiós chorando/ desde a beiriña do mar / … Tantas légoas mar adentro/ miña casiña, meu lar!
Empezaba así unha viaxe sobre o atlántico que podía durar uns quince días. A familia, na espera da carta de chegada. Outros quince días. En total, un mes de angustia para cada casa.
Os nosos galegos, traballadores, acadaban boas situación económicas. De outros, perdeuse a memoria, tal como se deduce das reclamacións que nos diarios da época facían os xuíces. Os que progresaron foron xenerosos coas súas bisbarras de orixe. Mandaban axudas para facer escolas, fontes para a nenez, melloras nas igrexas… Se viñan polos veráns, en pequenas vacacións, agasallaban ós veciños con imaxes de Nosa Señora de Guadalupe, ou de A Piedade do Cobre, Pompeia, Luján… Así, pois, a Fe que levaban das nosas parroquias empataba moi ben coa Fe mariana daquelas repúblicas.
Un feito chamativo desta emigración ó Novo Continente, é que os galegos souberon organizarse en Grandes Centros Galegos. Velaí os edificios de La Habana e de Buenos Aires. Nalgún tempo foron refuxio da lingua e cultura galegas.
Había centros menores. Case parroquiais. Alí xuntábanse para compartir noticias que chegaban de Galicia, celebraban as festas de cada parroquia (especialmente a do Carme) aprendían a muiñeira, e a tocar a gaita e a pandeireta.
Vivían a saudade galega, mantiñan o amor á patria, ó curruncho natal (Continuará)