Na magna obra do Dtr. Luis Bermúdez sobre os antepasados que foron exemplos de Fe en Bergantiños, temos un patrimonio a imitar, non só admirar.
Pola miña parte, quero referirme a D. Santiago Abuelo, a quen coñecín de vista, pero non tratei debido á diferencia de idades. Veu para Compostela nomeado cóengo polo cardeal Quiroga pero xa ancián. Téñoo visto pola rúa levando bastón con empuñadura de prata. Non sabía eu daquela que tan venerable sacerdote fora párroco de Seavia, nin da súa amizade cun antepasado meu. Tampouco sospeitaba en que no meu peregrinar pola vida había de vir dar a Seavia.
Chegado aquí, descubrín o gran labor pastoral de D. Santiago, incluíndo a construcción dos edificios parroquiais así como a redención dos fregueses, tanto no social como no material. Todo, en poucos anos: 1.900 – 1.917. Diso teño escrito en “Viaxe polo corazón de Bergantiños”.
No recóndito dos meus sentimentos, admirador da Fe que se vivía en Seavia-Erbecedo, tiña para min (e así o penso hoxe) que iso era froito do traballo pastoral de D. Santiago.
Quero contar algo aquí que amosa a personalidade sacerdotal de D. Santiago. Refiro unha anécdota que me contou D. Olimpio Mejuto Ares, sacerdote natural de Cuntis que foi bautizado e levado ó seminario por D. Santiago, sendo tamén éste, padriño da Primeira Misa, no ano 1.953.
Coincidín con D. Olimpio na sacristía de Rial, en Dubra, e contoume o seguinte:
No tempo da II República non había ensinanza do Catecismo na escola. Ante iso, D. Santiago poñía Catecismo todos os días na igrexa parroquial. Viñan os nenos, e D. Santiago, valéndose dun encerado para axudar a entender o que explicaba, falaba polo medio da igrexa, levaba un punteiro para marcar nas figuras do encerado a idea que exponía. Era o medio pedagóxico do tempo.
Resulta que un día D. Santiago non puido ir e mandou o coadxutor, que intentou acomodarse ó sistema do párroco. Había un neno inquedo que non sentiría a autoridade de D. Santiago na persoa do coadxutor. Como aquel neno resultaba un pouco rebelde, o coadxutor chamoulle a atención e tocoulle co punteiro que levaba na man.
Aquel rapaz cando marchou foi á casa do seu pai, que era zapateiro, e co líquido encarnado que tiña para pintar os zapatos, o neno pintou a súa cara como se fose sangue que derramara polo tocamento que o coadxutor lle fixera. E así saíu á rúa, para alarmar.
Enterouse D. Santiago e axiña comparece na casa do rapaciño para pedir perdón. Daquela o zapateiro, dando muestras de ser un bo pai, chama polo fillo e dille: “A ver, vén, pide perdón a D. Santiago polo que fixeches”.
E aclarouse todo. Nobreza do zapateiro, celo pastoral de D. Santiago.