Porto Mouro coas súas pontes sobre o Tambre e o Dubra, aparece como lugar preferente no camiñar dos peregrinos. Mesmo se defende que a mansión Ad Duos Pontes da Vía XX é Porto Mouro. Así tamén que tal ponte é a que aparece derrubada tras o paso dos discípulos que viñan de Duio para solicitar autorización para o enterramento do Corpo do Apóstol. Isto segundo é unha novidade para quen escribe este comentario. Negreira leva no seu escudo esa ponte derrubada. Estaba en Viceso sobre o Tambre.
Se os discípulos da fermosa lenda voltaban cara Padrón e ó Castro Lupario coa autorización obtida en Duio parece que cruzar o Tambre faríaselle máis doado por Negreira – Viceso ca por Porto Mouro.
“Ad Duos Pontes”, asegún vexo en autores de nota, é Noia (antes sita no lugar que hoxe chaman Barquiña), vila equidistante do Tambre e do Tállara, coas súas respectivas pontes.
No pasado Ano Santo, veciños de Fisterra – Muxía marcaron con frechas marelas o seu Camiño que, saíndo da Catedral, baixando por Rúa das Hortas, Vidán, vai a Ponte Maceira.
Sentimos particular afecto polo Camiño que cruza o Sarela na Ponte dos Sapos, sube polo Pedroso, vai a Fonte Coba, pasa pola chamada Canteira da Catedral (alí arrincaron a pedra para o Obradoiro e para o románico do gran monumento), Figueiras, Brins, Ameixenda, O Roxido, Porto Mouro.
Este camiño transitouno Pondal no seu tempo, e así puido contemplar os Altos de Portomouro.
No 1.909 os P.P. franciscanos erixiron os cruceiros do Vía Crucis, que recorrían en Semana Santa. “Xa antes, no 1.667, a Venerable Orden Terceira erixira o Vía Crucis. Algunhas cruces aproveitadas en 1.909”. O Cardeal Martín de Herrera indulxenciou o rezo do Credo, orando, vendo este cruceiro.
Mil parabéns ós autores e ó culto compañeiro Pontes García, coñecedor excepcional da comarca.
Ocúrreseme pensar que os peregrinos que desembarcasen en Caión ou Malpica, ademais de ter o Camiño por Céltigos, tiñano tamén, penso que máis preto, vindo por Carballo, Val do Dubra, Porto Mouro. Non terían así que subir ó altiplano do Xallas.
Agradecemos a amplia información sobre as vicesitudes pasadas no tempo pola obra arquitectónica da Ponte de Portomouro. A que vemos hoxe é de 1.891, ancheada no 1.992.