VODAS DE DIAMANTE DE D. JESÚS ANTELO QUINTÁNS

por parroquiacarballo

Teño que confesar que a persoa e obra de D. Xesús Antelo Quintáns, a min sempre me fai presente a D. Xesús Antelo Rodríguez, o noso párroco de Buxán (1.930-1.962) que era tío, padriño de bautismo do amigo párroco de Cances e outras.

Aquel D. Xesús, párroco de Buxán, tamén arcipreste de Dubra, tiña un celo pastoral e unha entrega total ó servizo da freguesía. Era conselleiro, médico, promotor de mutua para gandeiros. Voz de barítono, bo oído musical, excelente catequista, entusiasmaba coas súas homilías. Era a alegría nas festas dos compañeiros sacerdotes, tamén se doía dos males que padecían os familiares.

Cando chegaban as festas parroquiais, D. Xesús levantaba os ánimos, convidaba a toda a súa familia de irmáns e sobriños, moi numerosos. Enchíase a casa Reitoral.

Pois ben. Canto podiamos admirar no tío, vémolo no sobriño e afillado. A mesma xenerosidade, amabilidade. O afán de conservar e mellorar igrexas, casas reitorais…que moven a D. Xesús, sobriño, parece herdanza recibida do seu ilustre antecesor familiar.

Lembro á súa avoa, Dna Carmen, que facía gran festa no día do seu onomástico, en Rial, para todos os fillos e netos. Moi devota, pasaba horas na igrexa de Buxán, no seu reclinatorio.

Pero en D. Xesús Antelo Quintáns, a quen desexamos unha pronta e total recuperación, ten outro ilustre antecesor. É sobriño de D. Xesús Quintáns Quintáns, párroco de Portomouro, tamén arcipreste de Dubra. D. Xesús Quintáns era simpatía total, gran pescador no Tambre e Dubra, camiñante, deportista. Aportaba anécdotas nas xuntanzas clericais.

Velaí outra razón pola que en D. Xesús Antelo Quintáns, converxen tantas cualidades que o fan admirado e querido polos seus fregueses de Bergantiños, porque aquí, desde 1.964, exerceu toda a súa vida como sacerdote.

O meu parabén polas súas Vodas de Diamante. A el e tamén á súa familia que tanto axuda a D. Xesús para superar a súa enfermidade.

Xosé Pumar Gándara

Nota: Este artigo de D.Xosé estaba xa para ser publicado con motivo da homenaxe que os fregueses lle estaban organizando.Publicámolo  igualmente no día en que o Señor  o chamou para darlle o premio no ceo. D.E.P.

 

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?