Volvendo sobre o Pórtico

por parroquiacarballo

Antes do Pórtico actual había outro, de menor valía, pero queríase algo extraordinario para a Catedral superando a canto poderían ver os peregrinos polos Camiños de Santiago. Así o mestre Mateo tivo que facer uns fortes fundamentos para edificar enriba. Constitúen o que hoxe chamamos “Catedral Vella” (pero é o máis recente de toda a obra feita).

Antes de antepoñer o Obradoiro e quedando así o Pórtico feito un nartex (un zaguán) había estatuas que miraban ó exterior e foron retiradas. Levounas o Conde de Ximonde que era un magnate na cidade de Compostela. Eran Abrahan e Isaac. O conde vendeunas ó concello de Santiago coa condición de que endexamais saísen da cidade. Foron parar, e alí están, no Pazo de Meirás. Toda unha historia moi de actualidade nos medios de comunicación.

Outras reliquias menores foron pasar o Museo de Pontevedra.

O rei Fernando II concedeulle ó mestre Mateo unha pensión de por vida. Tal rei está sepultado na capela das Reliquias da Catedral.

Do maestre Mateo temén é o Coro que Xelmírez mandou facer para os cóengos. As figuras (24) que están adornando a Porta Santa, proceden dese Coro. Lamentablemente non están ben tratadas, e a intemperie tamén lles afecta.

O resto das pezas de tal Coro que foron atopadas en diversas excavacións na Catedral están agora no Museo onde se poden ver recompostos os sitiais dos cóengos.

A ponte románica que houbo en Pontecesures tamén se atribuía ó mestre Mateo.

Outras obras deste gran artista son os capiteis do comedor medieval do Pazo de Xelmírez. Alí vemos os manxares que se servían nas mesas dos grandes, as formas de servir á mesa.

Tamén o Pórtico do mosteiro de Carboeiro se atribúe ó mestre Mateo.

Non sabemos onde estará soterrado. Merecía un sartego de honra na propia catedral.

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?