Xosé Manuel e Icía Varela pregoeiros do Nadal

por parroquiacarballo

A vocación de apaixonados pola cultura galega que engrandece a Xosé Manuel e a súa filla Icía Varela fainos merecedores de seren pregoeiros no Nadal da parroquia de San Xoán Bautista de Carballo. Parabéns aos oíntes. Son testemuñas da riqueza do noso Nadal galego que nos deron a coñecer Xosé Manuel e Icía.

Xosé Manuel é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, na súa primeira promoción, pola Universidade da Coruña. Realizou a súa tese de licenciatura sobre o escritor Enrique Labarta Pose, quen cantou á feira de Verdillo, e forma parte da «Comisión Letras Galegas pro Labarta Pose» a cal leva uns trinta anos solicitando esta conmemoración para o escritor baiés.

Tampouco esquece a súa patria pequena. Velaí a fotobiografía que publicou sobre don Saturnino Cuíñas Lois, o párroco de Cesullas, autor do Berro Seco.

Ademais, son moitos os artigos, prólogos, conferencias nos que manifesta e subliña os seus saberes de amante de Galicia. Así, os nosos regueifeiros, as escritoras de tradición oral que gardan tantos segredos sobre tradicións ou a evolución da fala galega son un extenso capítulo da súa xenerosa promoción cultural. Tamén atende aos traballos de acreditados autores como os integrantes no Batallón Literario da Costa da Morte. Colabora ademais en estudos sobre o desaparecido mosteiro de Santiago de Mens.

Foi secretario fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e da Fundación Eduardo Pondal. Nestes dous colectivos compartiu e comparte accións culturais xunto con esclarecidos e meritísimos compañeiros.

Icía Varela continúa os pasos do seu pai. É graduada en Filoloxía Galega e desenvolve a súa actividade profesional no mundo da música tradicional. É fundadora do grupo Arredores co que actualiza vellas melodías da comarca como o «maneo de Mens» inserido no traballo ECDISE (2024). Subiu aosescenarios con SES, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Caamaño&Ameixeiras, As Fillas de Cassandra ou Xosé Manuel Budiño. Como solista actuou no Festival Intercéltico de Lorient (Francia) e no Celtic Connections de Glasgow (Escocia).

Temos, pois, que agradecer a esta familia o exemplo que nos dan. Así se transmiten os mellores valores que cada un de nós deberemos levar como herdanza dos nosos maiores.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?