Seguimos co Pórtico da Gloria
Quizais a parte máis popular e estudiada. Vexamos:
Non están tanxendo os instrumentos, senón preparando o concertó que vai haber. Falan, cada quen co compañeiro que ten á beira, en animada conversa.
A nosa Rosalía de Castro, no seu poema Na Catedral, resume moi ben a escena. Di: “Parece que os labios moven, que falan quedo…e alá na altura do ceo a música vai dar comenzo pois os groriosos concertadores tempran risoños os instrumentos”.
Poderiamos preguntar. Eses instrumentos, son fantasía ou realidade?
O cardeal Quiroga ofreceulle ó P. López Calo, gran musicólogo, a idea de copiar eses instrumentos para dar un concerto. E así se fixo, coa axuda da Fundación Barrié. Houbo tal concerto demostrando que no Pórtico temos reservado un gran capítulo da nosa cultura musical.
Observarase que non hai alí instrumentos de vento, todos son de corda. Houbo unha controversia sobre o instrumento que leva o ancián nº 4 (contando pola esquerda). Qué ten na man. Para un esclarecido autor como é Filgueira Valverde, ese ancián leva na man unha redoma (especie de botella) onde hai viño para os músicos, pois sabido é que lles gusta “mollar a palleta”.
Máis autorizada nos parece que é a opinión do propio P. López Calo e outros que din que ese obxecto é unha calabaza, da que sacaron o miolo, quedou oca no interior e serve de instrumento de percusión.
Hai tanta perfección nas figuras que tamén os autores pregúntanse sobre a patria do mestre Mateo.
Para uns era francés, traído a Santiago polo rei Fernando II. Resultaría que Mateo, recoñecendo todos os pórticos e catedrais que hai en Francia, puido así reproducir e superar todo canto aló estaba edificado. Para Filgueira Valverde o mestre Mateo era galego, con raíces na provincia de Lugo.
Outros sintetizan. Era galego e viaxou por Francia para formarse ben na arquitectura do tempo. Como quería Xelmírez, por exemplo, para os seus cóengos.
Santo dos Croques.- Humilde e de xionllos, aquela estatua de pedra, que mira cara o altar maior de Santiago, é o propio mestre Mateo. Había un texto, agora borrado, que informaba. Os nenos de Santiago cando ían a escola, pasaban polo santo dos croques para dar alí a súa cabezada. Querían que o mestre Mateo lles pasase algo do seu saber.
