Da Procesión do Venres Santo (III). Pregaria da Confraría ó Santo Cristo da Mocidade

por

 

Este grupo de xóvenes que acompaña a devota imaxe de Xesús Flaxelado, manifesta a súa vontade de ser fieles á mensaxe da Boa Nova que anunciaches hai vinte séculos na Terra Santa.

Porque somos pertencentes á etapa da vida que ten máis perigos, pensamos na parábola do Fillo Pródigo. Se algún día chegásemos a vernos coma el, alonxados de ti, escravos do pecado, pedímosche, Santo Cristo da nosa Mocidade, que a túa gracia nos axude a levantarnos e volver á casa paterna, que é tamén a nosa casa, pois somos fillos de bo Pai, que acolle, perdoa e fai festa.

Levamos un hábito na nosa confraría que é para nós unha norma permanente. O verde da túnica é a esperanza, as ilusións propias do tempo de primavera, como é o da mocidade.

Esta alegría, esta esperanza, levan tamén consigo sacrificio, a cruz que temos que soportar. Por iso, cubrímonos con capa negra. Anque teñamos a alma branca, limpa de pecado, sabemos que sen esforzo, sen loita contra as malas tendencias que en nós puideran xurdir, nada imos conseguir.

Polo tanto, Santo Cristo Flaxelado, mantennos na paz, na alegría esperanzada. Aínda que nos coste. Queremos transmitir a todos a convicción de que, hoxe, neste mundo tan combatido polo mal, segue presente a luz de Cristo Crucificado e Resucitado.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?