A Biblioteca (I)

por parroquiacarballo

Inserta, encardinada está a  parroquia de Carballo na cultura galega. Non podía ser de outra maneira na freguesía capìtal de Bergantiños, que deu sobranceiros carballeses ben recoñecidos no eido cultural. Así foi o pasado. Tamén o presente. Velaí o Instituto de E E. Bergantiñáns e outras asociacións semellantes.

Cómpre dar unha explicación. Quen isto escribe andivo polo mundo de Rosalía e de Pondal. Tropezando unhas veces, as máis; acertando en poucas.

Coñecer a Nosa Terra, as súas raigañas, dálas a coñecer, foi unha vocación particular, asociada á obra de evanxelización. Así fun xuntando libros e libros, algún de gran mérito. Chega tamén a hora de tomar decisión, cando sobrepasamos xa os 90 anos.

Agradecido a Carballo polo seu acollemento desde hai 25 anos, fixen doazón da miña biblioteca a esta parroquia. O Sr. Arcebispo aceptou con agrado a miña actitude.

Libros nos que gocei, que me acompañaron sempre, merecen un bo final. Velo ai: a parroquia de Carballo.

Moitos actos culturais se organizan en Galicia con motivo do Día das Letras Galegas. A parroquia de Carballo hai anos celebraba unha Semana de Cultura Galega. Conferenciantes de nota pasaron por aquí. Aínda, de vez en cando, atopamos programas daquelas semanas.

Polo tanto, a inauguración ou presentación da Biblioteca entra de cheo no afán da parroquia de colaborar na formación integral da feligresía. Queda, pois, aberto un servizo máis, de tantos que a parroquia ofrece. Este, para valorar Galicia, nós mesmos. Algún dixo que os “galegos eramos xentes rendidas“. Pois non. Estamos presentes, non para desafíar, pero si para colaborar.

Larga vida á nova Biblioteca. Amén

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?