A Quinta Semana

por parroquiacarballo

Cando terminaban os EE. Espirituais segundo o método de S. Ignacio de Loiola, os directores dos EE. estimulaban ós exercitantes a seren fieis ós propósitos formulados para o tempo seguinte, é dicir, na que chamaban a quinta semana de EE., rematadas, pois, as catro semanas ou apartados nos que se dividían as meditacións dos EE. Tiña que verse na realidade diaria a melloría na que se pensou durante os EE.,senón teriamos un tempo pasado mal aproveitado.

Vindo ó noso caso, é dicir, á clausura do Ano da Parroquia, qué deben experimentar as nosas vidas particulares, e, en suma, a vida da familia parroquial?

Paréceme que hai un punto clave no que, por demais, moito se insiste na pastoral da parroquia de Carballo. Temos a Semana da Familia, a Semana dos avós e celebracións semellantes.

Velaí un punto decisivo: a revitalización da vida cristiá na familia. A chamada á Fe, os inicios da vida cristiá, o crecemento e acompasamento na experiencia do coñecer e practicar en cristiano, témolos na orixe mesma da nosa existencia: a familia.

Certo é que na familia recibimos moitos valores: a cultura, a fala, o amor ós nosos, a educación sentimental pero con eses valores, acolléndoos a todos eles, e potenciándoos, temos a Fe, que a vemos (debemos vela) na vida real e práctica diaria, nos criterios dos que nos trouxeron a este mundo.

Resulta, pois, que, dunha maneira ou doutra, a familia é un vencello que nos atinxe docemente a todos, ben como país, ben como fillos; ou como esposos, avós, ou irmáns.

Hai horas de loito nas familias: as enfermidades, fracasos, mortes… pero a familia cristiá vive con Fe eses intres dorosos, conforta, anima, suaviza, consola.

Do fogar cristiano nace a incorporación á familia dos crentes polo bautismo. Prosigue ese roteiro polos sacramentos de Eucaristía, Confirmación… e comenza un novo ciclo familiar polo santo Matrimonio.

A perseverancia, pois, nos bens vividos durante o Ano da Parroquia, ten  unha base segura na familia cristiá; onde se ora e se pon a Xesucristo como referencia final.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?