A Viaxe de Xosé Pumar por terras de Bergantiños

por

Baixo o título de Viaxe polo corazón de Bergantiños o crego don Xosé Pumar Gándara convida a bergantiñáns e foráneos a coñecer as terras do Anllóns, de Pondal, do mar das Sisargas, do Nariga e do Roncudo. Desde a curota dos altos balcóns do Dubra bríndanos a oportunidade de descender polas chairas de Rus, adentrarnos no remanso de Carballo, transitar polo longo areal de Razo-Baldaio, proseguir por Buño cara á baixa do Anllóns e, tras pasar polo Chan de Borneiro, volver polos verdes de Coristanco para subir de novo a terras dubresas. Non é camiño novo. Foino dos vellos camións e autobuses, dos panadeiros e peixeiras, dos transeúntes á capital de Galicia.

Pasado e presente, paisaxe e paisanaxe, patrimonio material e inmaterial, traballo de campo e erudición son notas que definen esta publicación tanto tempo agardada. Soubemos dela contra finais do século XX. Houbo que esperar case 15 anos para que vise a luz. Agradecementos a Edicións Embora de Ferrol. Con este Viaxe, sabe que incorpora ó seu catálogo editorial a un dos máis importantes persoeiros do mundo da cultura galega actual.

Aquí está vivo o Bergantiños que transitou Pumar cando acudía ás celebracións relixiosas nalgún templo comarca. Á parte do oficiar, o vello amigo reparaba nas particularidades arquitectónicas da igrexa ou capela que visitaba. Tiraba de cámara e fotografaba ese cáliz repuxado ou esa figura labrada nos vellos obradoiros de Santiago. Contrastaba lecturas coa realidade artística que tiña en fronte. Pero non só iso. Poñía orella nos oíres dos fregueses no adro e coñecía tradicións ou a lingua de noso.

Caso especial é a parroquia de Seavia, a nena bonita de don Xosé Pumar. Aquí botou anos de párroco e coñece a súa xeografía humana, histórica e artística coma a palma da man. Sabe dela cos ollos pechados. Asunción Antelo, o vello mosteiro e igrexa, a prehistoria, a Braña Rubia ou o señorío e arquitectura de Nogueira. ¡Canto dela nos deixa!

Pumar Gándara é lector empedernido. Este Viaxe é tamén un libro de libros. A bibliografía que se cita remóntase a títulos de bibliófilo e chega ó derradeiro volume publicado sobre a comarca. Volume actual e actualizado que deixa en evidencia ó bibliotecario máis documentado. Toda esta estrutura bibliográfica artéllase con artigos de prensa, mesmo centenarios, cos grandes clásicos da erudición histórica (López Ferreiro, Carré, Murguía) e documentos de arquivo (partidas de bautusimo de Alfredo Brañas ou Xesús San Luís Romero). Todo presentado co máis rigoroso respecto polas ideas tomadas doutros.

Moito lle debe este Viaxe á personalidade do seu autor. Querencia polo que o rodea, admiración e respecto pola veciñanza creativa, reflexión sobre o mundo que nos tocou vivir e sentido poético e musical da vida.

Este é libro dun gran melómano que pasa tardes executando delicadas melodías na parroquia de San Xoán de Carballo. Inmersión musical con inspiración nas paisaxes bergantiñás que aquí describe con tanto alento poético.

Vémolo en Entrecruces: “A Férveda é un espectáculo permanente e variado, ten todos os compases e aires; podémola ver tranquila, baixando amodo esta costa olímpica, ou desbocada coma un cabalo de brancas sedas, no inverno. Ten o seu ‘minueto’ na escaseza da auga, o seu ‘adagio’ na primavera, o seu ‘forti tutti’ na invernía, cando enchentes e idoiros rebordan camiños e agras. Luz, cor; sosego ou dinamismo; todo ten A Férveda. Branca lingua e cántiga da vida”.

Vémolo en Malpica de Bergantiños: “Doncela de garbosa cintura polo mar abrazada. Cabelo revolto por un vento toliño, namorado. Forte rochedo ante a bravura das ondas. Escultura labrada pola natureza. Bailan os barcos no porto, inquedos por ir pescar. O mar, rumoroso, morre sobre das loiras areas do praial que chega ás casas de arriscado adiantamento”.

O didactismo sinxelo, propio dun marabilloso orador, encontrámolo cando o autor nos explica o caso da división parroquial de Noicela e Rebordelos ou a conformación dos actuais concellos, por exemplo.

No momento da corrección das probas de deseño, comentábanos Íñigo Guridi Bermúdez, fotógrafo galego-vasco radicado en Zaragoza: “Es como estar en casa”. Porque Pumar sabe da esencia das cousas, da importancia dos espazos que habitamos e deles busca esa fondura que nos impresiona. A todo isto contribúen, en gran medida, as excelentes colaboracións gráficas compostas por cadros históricos de Álvarez de Sotomayor, lenzos de pintores actuais, fotografías en branco e negro ou cor. Todas elas visten con fermosura tanta erudición e prosa poética co seu mellor traxe de festa. Homenaxe  dos amantes da pintura e fotografía a este fillo adoptivo da comarca. Ben o merece.

Xosé Pumar é un bo e xeneroso. Aquí bríndanos todo o seu saber de anos, envorca toda unha vida de pescuda polas nosas entrañas. Viaxe polo corazón de Bergantiños é, polo tanto, o seu gran libro, o que a el lle faltaba pero tamén o que a nós nos ‘faltaba’. Por iso lle temos que outorgar os máis grandes parabéns por estes retallos de alma bergantiñá.

¡Que afortunados somos todos e cada un de nós por recibir tan precioso galano no devalo deste tempo de verán!

Xosé Manuel Varela Varela

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?