AFABER

por

Esta Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer en Bergantiños está entre nós facendo moito ben. Hai ao fronte da institución un home cheo de cualidades e de gran corazón que é Suso Villar a quen felicitamos polo seu labor.

Sabemos que fai xestións ante as autoridades da Deputación e dos Concellos para mellorar e ampliar os servicios ós enfermos. Encontra boa vontade, pero é preciso chegar a feitos concretos.

Certamente Carballo está experimentando unha gran transformación: rúas, prazas, centros parroquiais… son atraíntes novidades.

O máis importante sempre son as persoas, e canto máis necesitadas, máis nos debemos a elas.

Desde a nosa modesta colaboración semanal queremos lembrar a existencia, cada vez máis numerosa, de enfermos de alzheimer en Bergantiños. Son persoas anciáns, que precisan ser atendidas por especialistas. A enfermidade vai progresando nelas. Mais, porque imos aumentando en idade, resulta que o número de afectados tamén sube.

Máis médicos, pois, así como enfermeiras especializadas. Que os enfermos de mal, hoxe non curable, teñan resposta adecuada da sociedade, pois non son só os familiares os que han de poñer o seu esforzo.

Recoñecemos o que se vén facendo. Felicitamos a AFABER e ós seus responsables. Alí, na Rúa das Camelias hai un fogar a onde son levados os nosos enfermos. Síntense acollidos, felices.

Poñen toda clase de recursos para que os anciáns o pasen ben. Todo é amabilidade. Dentro das limitacións que os medios escasos impoñen, todo está pensado para facer ben na saúde dos enfermos de alzheimer.

A Lei de Dependencia, que tantas expectativas xerou entre nós, ten aquí, no caso do alzheimer unha aplicación necesaria. Mesmo se falou de dar a Seguridade Social ás persoas que coidan de familiares dependentes. Bo proxecto, si. Pero estamos oíndo sempre queixas daqueles organismos chamados a financiar esa Lei, como son o Estado, e as Comunidades Autonómicas. Polo menos, deberían ser atendidos aqueles enfermos calificados como de maior gravidade.

Se hai unha certa melloría na economía do noso país, aí debería aplicarse.

Escrito o anterior, temos noticias de que a Xunta de Galicia dará un bono de 490 € a maiores sen praza en residencias públicas. E que incorporará á Dependencia a 4.000 persoas este ano.

Vide La Voz de Galicia, 8 – VIII-, páxina 29.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?