Ano Santo 2.021

por parroquia

    Larga espera. Desde o 2.010 apuntamos a este novo Ano Santo. Deciamos que sería o máis solemne da historia. A Catedral, preparada con ilusión cos medios máis adiantados. Estivo rodeada de andamios. Tamén pechada para unha intensa labor de rexuvenecimento.

    Pero desde marzo de 2.020 ese horizonte foi nublándose. Máis ben loitamos por defendernos da pandemia e sobrevivir. O Sr. Arzobispo anima a todos para que non nos venza a desesperanza. Fai de profeta, como un Isaías que alimentaba ó pobo desterrado: volveremos a Xerusalém, rezaremos no santo templo!

     Ábrese, pois, a Porta Santa. Haberá ringuileiras de peregrinos. Cantarán coma os hebreos: “qué alegría cando me dixeron…” A Porta Santa é estreita. Hai que pasala lixeiros da equipaxe do pecado. Se así entramos, á Catedral, como á Casa do Señor,  ten sitio para todos nós.

    Abrazamos ó Apóstolo que nos acolle sorrinte. Baixamos á cripta. As cinzas son consecuencia da morte, pero aí xurde xa a Resurrección.

    O peregrino vai confortado. O voo do botafumeiro eleva os pensamentos. As boas obras de todos perfuman a Casa de Dios, a Igrexa. O gran incensario, no seu balanceo, atrae as miradas de todos. El, en cada ida e volta, parece cantar “Santo, santo…”coma os benaventurados do ceo.

    Convidados á Mesa Eucarística, oímos a Palabra, recibimos o Sacramento de sacramentos…Cantamos o Te Deum.

    Sentímonos transportados, incluídos nese grupo de santos e anxos que no Pórtico da Gloria cantan, tanxen os instrumentos de fino son. Alédase o grupo dos Apóstolos e Profetas. Despídenos garimoso o Santiago que no parteluz, tanto recibe como dá a súa bendición ós que, como di o Códice Calixtino, marchan satisfeitos para as súas casas.

    Van pregoar as marabillas que Dios fai na terra, nas que pregustamos, o que nos reserva na nosa Patria Eterna.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?