“Toca Rus, Silván e Traba
Bértoa, Verdillo, Carballo,
Sísamo, Goiáns e Cances
Xornes, Leiloio e Tallo.”
Descoñecemos o autor. Quizais para sempre anónimo, como aquel do gran soneto: No me mueve mi Dios para quererte…da fala castelá.
Parécenos que aquel cuarteto amosa a inspiración do pobo bergantiñán, de manifesta vocación poética en homes e mulleres desta terra.
Podemos situarnos.
Un bergantiñán abre a fiestra da súa casa, nunha alborada de domingo, cando non cantan os carros, nin o gando ara nas leiras, polo tanto, todo é silencio e frescor. O Sol ilumina as aldeas bergantiñás. As campanas das igrexas chaman á Misa, repenican, alegran o día. Onde queira que estea un bergantiñán, sentirá e identificará as campanas de cada parroquia.
Coñece o baladar de cada unha, o seu ton, a súa arte ao repeñicar… Diversas parroquias para celebrar a mesma Fe. Cada comunidade coa súa historia secular e singularidades, pero todas unha familia que levantou e coidou as súas igrexas, de xeración en xeración. Hoxe, todos admiramos ese glorioso pasado.
Examinemos, a arte, dos versos que compoñen aquel cuarteto.
-Son versos octosílabos, que é unha medida nas cántigas bergantiñás.
-En cada verso van tres parroquias contiguas, que sentían mutuamente
o tanxido das campanas propias.
-A primeira sílaba de cada verso é tónica, a derradeira é átona, sempre
esta en palabra grave.
-Para axustarse a estes principios, vexamos os recursos que presenta a
composición:
O 1º verso empeza por toca (tónica) pois a palabra Rus, monosílaba, non servía para portar o acento inicial.
Para encher ben as oito sílabas, nos dous últimos versos engádese a conxunción e.
Item, para manter o comenzo en tónica, empezamos o último verso en Xornes (non en Leiloio). Alteración que fai este modesto redactor en melloría, entendemos, da admirable composición.
-Resulta que, lidos os versos coa debida pausa en cada un, prodúcese un
efecto de muiñeira no oído do observador. Fagan a proba. Precisamente ese aire de muiñeira é o que moitos campaneiros, sacristáns, daban ó seu repenicar.
Remato.- Sento envexa. Quixera eu ser o autor de tanta maravilla literaria.
Parabéns ao pobo bergantiñán