Arquivos Parroquiais I

por

Son un tesouro histórico xenealóxico e cultural de primeira orde. Foi o concilio de Trento que determinou que se creasen estes arquivos. Nas diversas dioceses foron os prelados concretando a norma de Trento. Este concilio rematou no 1.563. O Rexistro Civil en España empezou no 1º de xaneiro de 1.871. Nas poboacións importantes empezara no 1.841. Había os rexistros da nobreza en Valladolid e o que aporta o Interrogatorio do Catastro de Contribución Única (1.750-54). Tamén había os Rexistros das Casas Nobres que coidaban moito da súa descendencia e títulos conseguintes. Hai arquivos parroquiais que empezaron no século XVI, pero a maioría empezou no século XVII.
Por disposición do arcebispo Suquía (1.974-84) os Libros Parroquiais de máis de 100 anos pasaron ao Arquivo Diocesán de Santiago. E alí se conservan pola exemplar xestión dos arquiveiros D. Salvador Domato e D. Elisardo Temperán.
Acuden tantos investigadores que xa resulta pequena a sala destinada a estes estudosos do noso pasado. No Arquivo, ademais, teñen que despachar moita documentación para galegos que, desde o estranxeiro, a necesitan. Moito de alabar é o apoio económico que a Excelentísima Deputación da Coruña vén prestando ao Arquivo Diocesán. Coa súa axuda vén de saír do prelo o III tomo do Catálogo dos libros gardados no Arquivo. Os tomos anteriores, seguindo a orde alfabética das parroquias, xa foran publicados. Lástima é que non haxa un mecenas que permita publicar o catálogo das parroquias de Pontevedra,
pertencentes á nosa diocese.
Os Libros fundamentais que Trento determinou o 4-VI-1.562 foron os de Bautismos, Matrimonios e Defuncións. As dioceses, nos seus sínodos, e o Código de Dereito Canónico ampliaron este conxunto con Libros de Cofradías, de Culto e Fábrica, Padrón Parroquial. Inquilinato, Inventarios, Causas Pías, Expedientes Matrimoniais, Boletíns da diocese respectiva, Libros de Confirmados, Libros de Visitas Pastorais. Cada parroquia terá documentación particular do seu patrimonio e costumes
vixentes.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?