As Festas do San Xoán

por

Coma se o Divino Arquitecto e Pintor quixera poñer todas as cores verdes na nosa terra (verde primaveIra, esmeralda, escura… nos carballos, trigais e milleirais, piñeiros…) e os azuis con cenefas brancas (suaves, intensos nas ondas do mar de Razo e Baldaio),  así é o mes de San Xoán.

O Sol fai un amplio arco. Alborada vermellona, na que baila o Sol; solpor con variacións de cores que van aparecendo dIbuxadas na lámina do mar. Todo o Arco da Vella.

Temos máis de 15 horas de Sol. Cando o astro está na clave do arco, parece extasiarse contemplando Bergantiños. Os nosos tempos fan fuxir da natureza aqueles cantos de galos que se oían na mañanciña de San Xoán aló pola lagoa de Alcaián. Pero iso queda na memoria dos maiores e nos libros de etnografía galega.

A Arca da Alianza foi trasladada de Herbón a Xerusalem (II Samuel, cap. VI). Presidía David, o profeta que, sendo rei, tanxía a arpa, cantaba e bailaba diante da Arca. Hoxe, en Carballo, o Santísimo é trasladado por homes devotos. Quizais algún día por mulleres devotas. Lembramos o Corpus en Santiago. Eran sacerdotes xóvenes que sobre os seus ombros levaban a pesada custodia de Arfe. Así tamén en Noia e na Coruña, que posuen valiosas custodias. Agora, o sacerdocio laical tomou  ese honroso mester. Sacerdocio que cada vez tomará as funcións que lle corresponden na Igrexa.

Carballo, labrego, gandeiro, mariñeiro e pescador, honra á Virxe do Carme, pois quere agradecer canto nos dá o mar, tanto a empresas como a  familias.

Velaí o triduo festivo da nosa Fe que os fregueses e bergantiñáns celebramos polo S. Xoán de Carballo. E por moitos anos máis.

 

Xosé Pumar Gándara

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?