Son no mellor do verán galego. Bergantiños é como un Monte Carmelo pois en cada parroquia hai a festa do Carme, moi solemne e concorrida.
Nas freguesías con mar, a característica procesión polo medio marino. Nas de terra, procesión polo adro con alegre son das campás. O ceo aparece con toda a gama de azuis, coma o mesmo mar. Son as virtudes de Nosa Señora, empezando pola humildade, pois definiuse como “escrava do Señor”. ¡Tantas veces nós somos escravos do pecado!
Cúmprese así aquela profecía de María: “Hanme chamar benaventurada todas as xeracións” (Lucas 1,48)
Os mariñeiros de baixura proclaman a Nosa Señora do Carme por patroa. Grandes empresas de pesca en altamar, a ela tamén se encomendan.
Todos nós, que mariñeiros somos, (dixo Pío XII) tamén temos a María por Faro e Guía da nosa vida. Todos temos que defendernos fronte a feras olas do mar cando hai tormenta.
Capítulo propio desta devoción é a memoria polos difuntos. Coroas de loureiro botan no mar cando hai procesións, e celebracións de naufraxios nas parroquias todas, en xeral, asegún costumes.
Leva a imaxe do Carme o Neno Xesús no seu regazo, ofrecen o escapulario. Visten de ouro e granate. Coroas reais cubren as cabezas.
Hai imaxes do Carme con María recuperando ánimas do Purgatorio. Outras veces, María acude a un naufraxio para salvar vidas.
Por todo isto, así asentou nas nosas parroquias a devoción a Nosa Señora do Carme. Que siga protexéndonos, que non se perda o nome do Carme, ou Carmelo, nos nosos bautizados.
No día do Carme recibían os seus despachos os alumnos graduados na Escola Naval de Marín. Cantaban a Salve Mariñeira. Impresionaba escoitar aquelas voces xuvenís que cantaban con elegancia e devoción.
Outras veces, formaban cantando o Himno da Escola. Letra de José Mª Pemán: “Soplen furiosas las brisas, ruja amenazas la ola, mi gallardía española se corona de sonrisas…”
