Bordón, Mochila e Compostela

por parroquiacarballo

O Códice Calixtino chámalle “báculo” a ese apoio que axuda ó peregrino no seu camiñar. Pero “báculo” quedou reservado para a liturxia episcopal. Anque, nos nosos días, “báculo” aparece como denominación dos postes que electrifican as nosas rúas.

Ben. Aquel apoio do peregrino foi chamado “bordón”, que é unha palabra derivada de “burdus”, o mulo. É dicir, instrumento para facer andar ós equinos. Polo tanto, a linguaxe castiza chamou ó bordón “o cabalo de S. Francisco”. Moi ben. O santo amante dos animais e da natureza “santifica”, enaltece o bordón dos peregrinos, que tamén adorna as imaxes de Santiago Peregrino.

Volvendo ás informacións do Códice Calixtino lemos que “a peregrinación fai desaparecer a obesidade”. Recomenda o Códice que o peregrino leve consigo un saquiño estreito con unha pequena despensa para alimentación, pensando así en comer só o necesario.

Tamén o Apóstolo Peregrino leva esa pequena despensa, o marral, ou mochila como din, voz dominante na mocidade.

Hoxe, o peregrino leva refrescos, bebidas enerxéticas na mochila. Ten albergues, e o Camiño marcado en fitos de pedra nas que, sobre un fondo azul, unha concha emite raios de luz, como unha estela, animando ó camiñante.

Quizais, en vez de bordón clásico leve dous apoios coma eses que teñen os que fan exercicios de fondo ou velocidade nas estacións de neve para esquiar.

A Catedral, di o Códice Calixtino, ateigada de peregrinos, tiña dúas portas abertas pola noite. Alí rezaban, cantaban… e as portas axudaban a ventilar a condensación e o fume das velas. Tamén, asegún din, o botafumeiro.

Hoxe a Catedral ten serios problemas derivados da presencia masiva de peregrinos. Vencidas as humidades, hai que buscar formas para protexer o Pórtico da Gloria.

Pequenos grupos, por tempo limitado. Non sexa que volvamos ás andadas, despois de tanto tempo e sacrificio por salvar o Pórtico.

Recibían os peregrinos a Compostela. Agora tamén en formato digital. Poderá o peregrino gardar no seu teléfono móbil os selos dos puntos de acollida e así obter con facilidade, comodidade, a tradicional “Compostela” en papel, se o desexa así.

A noticia aparece nos medios de comunicación a finais do mes de maio. (27-V-21) Alá terán ustedes máis información.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?