Recentemente o Cabido da Catedral aceptou dar a Compostela ós peregrinos que, saíndo da Coruña, vaian a pé a Santiago. Polo tanto, con tan só percorrer uns 65 kilómetros, non os 100 requeridos habitualmente.
Poucos días hai, o Sr. Deán visitou a vila de Noia. Aquí propuxéronlle que a camiñata de Noia a Santiago, como peregrinos, fose abondo para recibir a Compostela. Agora únese Muros e fan un camiño xacobeo de 103 kilómetros
Noia tense por “porto de Compostela” que distará uns 45 kilómetros de Santiago. Si, aquí, como tamén na Coruña, desembarcaban os que ían a Compostela en peregrinación.
Poderiamos preguntarnos: ¿Haberá bases para un Camiño Xacobeo de Bergantiños a Santiago?
O Conde de Traba, D. Pedro Fróilaz, amigo de Xelmírez (anque algunha diferencia tiveron por razón de territorio) colaboraba co arcebispo compostelán na misión de conservar, defender a lexitimidade do neno Alfonso VII como rei de Galicia, ante as segundas nupcias da súa nai Dona Urraca con Alfonso o Batallador.
D. Pedro Fróilaz, gran señor feudal que dominaba desde o Tambre cara ó norte da actual provincia da Coruña, custodiou ó neno Alfonso VII no mosteiro de Moraime, cenobio patrocinado polo feudal señor así como tantas igrexas súas que el levantou en Bergantiños e máis alá.
O Conde de Traba visitaba a Catedral con frecuencia. Hai memoria dunha estancia del no sacro recinto que motivou a concesión do Apóstolo do mosteiro de S. Tirso de Cospindo.
Todo canto fixo o Conde pola igrexa compostelá fíxoo merecente de estar soterrado na Catedral. Hoxe xace baixo artística campa no chamado panteón real, é dicir, na capela das reliquias da Catedral.
Estes viaxes frecuentes do Conde a Santiago, rodeado dos seus servidores fannos pensar nun camino aberto a Compostela.
Atravesando a Tambre por pontes medievais de Portomouro ou Ponte Albar, ou por vados nos que en cabalo eran fácilmente superadas as augas do río, o Conde e os seus chegaban á cidade do Apóstolo.
Terían que pasar por diante dun santuario, o de Nosa Sra. Peregrina, que está preto de Santiago. Como os peregrinos do Camiño Portugués tiñan o apoio e bendición da Virxe Peregrina en Pontevedra, así os bergantiñáns tamén nun santuario semellante á beira xa da cidade xacobea. Eses dous santuarios están proclamando a existencia dun Camiño Xacobeo.
Neste santuario mariano erguíu unha gran igrexa o arcebispo Bocanegra (Século XVIII) sucesor de Raxoi. A comezos do século XX foi declarada parroquia recibindo territorio que fora de S. Miguel dos Agros e S. Xoán Apóstolo.
Velaí unha vía para un Camiño Xacobeo de Bergantiños a Compostela.