Cantares do Nadal

por parroquiacarballo

(Matines, Panxoliñas)

Se tivera voz non dudaría cantar para o Neno Xesús agora no seu nadal. Véñenme á mente os primeiros versos de varias panxoliñas que cantabamos na miña aldea.

A Belén camiña / una niña ocupada / toda llena de gracia / toda llena de vida.

Ou tamén:

A Belén camiña / la Virgen María / a San José llevaba / en su compañía.

Ou así:

A noitiña de Nadal / noite de grande alegría / camiñando vai Xosé / camiñando vai María.

Viñan os panxoleiros polas portas, con polainas e bastóns, sombreiros, capa de pallas contra a chuvia, e farol. Moita lama nos camiños.

Pedían permiso para cantar:

“A la puerta estamos cuatro pasajeros, si nos dan licencia cantaremos. Es descortesía, es desobediencia ponerse a cantar sin pedir licencia”.

Ó remate, piden o aguinaldo con boas palabras. Recibirán un lacón, patacas, chourizos … o que ten o labrador galego.

Cantarán tamén por Ano Novo e por Reis.

Despois haberá unha festa con todos os aguinaldos.

Cada panxoleiro levará unha cociñeira. Así, ademais dun bo xantar, haberá ruada. Con gaita de fol e pandeireta. Tamén Misa pola mañán en domingo, e se os aguinaldos foron xenerosos, invitarán ós apisanos fregueses a tomar unha cunca de viño do Ribeiro. E tamén uns foguetes para agradecer todo ós vecinos.

¡Ai! ¡Quen poidera cantar e ir de panxoleiro!

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?