Como tantas veces, vén á nosa mente a velocidade do tempo, a brevedade da vida. Cómpre examinar para ver os dons que aquela celebración nos trouxo e como os aproveitamos. Ogallá nos quede a todos un grato recordo de tan fausto acontecemento. Seguro que si.
Aquel cartel que anunciaba o Ano da Parroquia estaba inspirado no que nos di San Pablo na carta ós Efesios (II, 190) “Estades edificados… e o mesmo Cristo Xesús é a pedra angular. Por El vaise levantando o edificio ata formar un templo consagrado ó Señor. Vós tamén estades integrados na construcción”.
E na 1ª Carta de S. Pedro, lemos algo que completa o devandito: “Vós, como pedras vivas… formades un sacerdocio sagrado…que Deus acepta por Xesucristo”.
O cartel, en efecto, amosa unha parede feita con pedras iguais. Así somos, polo bautismo: homes e mulleres, nenos e nenas. Todos amparados pola Cruz. Así, “construíndo” Igrexa, pois é un labor permanente. Veñen e pasan as xeracións e a Igrexa acepta, apoia, encamiña a todos nesta vida coa Fe e ó final na Vida Eterna.
Hai outro cartel: ofrécenos a chave da Igrexa como o noso fogar comunitario para sentirnos igrexa viva.
Unha finalidade do Ano da parroquia foi a renovación da vida cristiá nas familias. E isto, da man de María.
Mais, hoxe, unha Igrexa, tal como a quere o papa Francisco, ten que sentirse enviada ás periferias, hospital de campaña, sinodal. A isto veñen tantas institucións que hai na parroquia: Cáritas, Albergue Transeúntes, Fogar Dna. Basilisa… Consello Parroquial.
Houbo acontecementos notables neste Ano da Parroquia:
– Peregrinación a Santiago como final da Semana dos Avós (out. 2.021)
– Misión en toda a Unidade Parroquial. Tempos novos, formas novas de evanxelizar.
– Peregrinación a Compostela (3-IV-2.022) de toda a Unidade parroquial de Carballo. A esta peregrinación uníronse as demais parroquias e clero do arciprestado de Bergantiños.
– Recibiu a parroquia a doazón dunha biblioteca para servizo de sacerdotes e fieis. Doazón que será completada no seu día con outras complementarias.
Bendiga Deus e faga medrar os dons sementados neste Ano da Parroquia. Amén.
Xosé Pumar Gándara