Columbarios

por parroquiacarballo

Constatamos todos que nos nosos tempos hai moitos casos de incineración. Pero a Igrexa pídenos que teñamos un gran respecto polo que son, recordo dos nosos difuntos. Os Camposantos veñen sendo o mellor destino e alí podemos ir amosar o noso aprecio polos antepasados. Así, todos os días do ano, pero especialmente nos días dos falecementos, aniversarios, e no día de todos os Difuntos. Como se vén facendo.

Para dar o mellor acollemento ós cofres que conteñen as cinzas dos nosos seres queridos, ademais dos nichos tradicionais, están aparecendo os columbarios, é dicir, espazos apropiados para as dimensións dos cofres funerarios.

Nesta procura para atender debidamente a custodia das cinzas están operando concellos que toman unha iniciativa que seguirá aceptada por moitos máis. Tamén as funerarias. Unha de Santiago ten no camposanto de Boisaca 57 nichos apropiados para ese mester. Certo que, polo de agora, somentes seis familias gardan alí as cinzas dos seus. Ten un costo mensual, con un aluguer de 35 € máis IVE, que inclúe a pedra, placa con grabación e un pequeno recipiente para poñer flores.

O columbario está accesible nas mesmas horas que o Camposanto compostelán.

O concello de Carballo sempre distinguido e premiado polas súas iniciativas vén de dotar ó Cementerio Municipal con 38 columbarios.

Moi adiantada nisto é a parroquia de San Fernando, de Santiago. Xa no ano 2.018 ten a disposición dos fieis bastantes nichos columbarios pero non ten ocupados máis ca un 25%. Os familiares visitan os columbarios, poñen flores, abonan unha tasa por mantemento. E a parroquia celebra unha Misa mensual polos que descansan.

Outra parroquia de recente creación é a do Milladoiro, preto de Compostela. Foi creada no 2.017 e xa ó mesmo tempo inaugurou o seu columbario con capacidade para 240 cofres e ten ocupados uns 50. Ten un costo inicial polo usofroito dese espazo e un pequeño costo anual por mantemento.

Sirvan estes exemplos entre moitos máis que haberá pouco a pouco para que nos estimulen a dar un bo trato ás cinzas dos seres queridos.

A Igrexa así nolo pide. Son cinzas chamadas a revivir, a resucitar con Cristo. E iso mesmo esperamos e pedimos para todos nós.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?