Como a todas as familias, aldeas e vilas de Bergantiños e do mundo enteiro, tamén ós que formamos o Confraría de Xesucristo da Mocidade, chegaron as consecuencias da pandemia que estamos padecendo, desde hai un ano.
Clases suspendidas, centros pechados, empresas que paran e non sabemos se poderán seguir, son exemplos dos males que viñeron sobre nós. Non falo de enfermidades ou mortes porque isto xa é para todos. Que, en fin, é o máis doloroso.
A nosa capa negra, por esta vez, representa tantos sacrificios soportados, que son a Cruz de Xesucristo que nos corresponden.
Temos presente a imaxe titular. Non queremos quedar presos de desánimo, queremos soltarnos da tentación de pesimismo.
O noso, por mocidade, é a esperanza. Vémonos representados naqueles rapaces e mozos que o domingo de Ramos acolleron a Xesús en Xerusalem. Daqueles entusiastas seguidores de Xesús, ningún estivo o Venres Santo pedindo ante Poncio Pilato a morte en crucifixión para Xesús de Nazaret.
Manifestámonos crentes cristiáns. Temos e vivimos en esperanza por un mundo mellor. Por iso o noso hábito é de cor verde.
A Resurrección do Señor levanta os nosos ánimos, as ansias de felicidade.
E encomendámonos a Xesucristo Paciente e Resucitado, por medio de Nosa Señora a Virxe da Soedade.
(Invovación escrita por D.Xosé Pumar e leida pola Cofradía do Santo Cristo da Mocidade na Vixiia de oración do Venres Santo)
