“Contos mariños de Carballo” ( I ) (por Xavier Maceiras)

por

 

Chegou ás miñas mans un exemplar deste libro que vén de saír  do prelo este mesmo ano. Como carballés de adopción felicítome por telo lido con fruición  que ben quixera compartir cos lectores.

O libro de Maceiras amosa na súa portada o mapa da “Carta Náutica da Costa Setentrional de España, por Reudavets y Monjo (1896)”. Velaí, ben polo miúdo, o escenario do mar carballés que vai ser estudado polo noso autor. Non coñecemos outro mapa, nin anterior nin actual, que presente pormenores físicos e toponimia, coa riqueza que aparece no escollido para a portada. Con esa Carta Náutica somentes nos queda por saber onde sitúar o chamado Canal de paso (p. 116) que estaba entre a Pedra do Sal e o Areal do Medio. Pero isto debe ser cousa do noso tempo.

O título do libro “Contos”, non parece responder a primeira vista, ó contido da obra. Nela sinálanse tempos e lugares, fontes documentais e testemuñas do acontecido. Isto é o requerido para unha esixente historia.. .Mais, a medida que imos lendo, a prosa amable, popular que aporta o autor, lévanos a “contos da lareira”, que seguramente aí as xeracións carballesas contaron esas reales historias. Aceptado, pois, o título “Contos”.

Carballo ten moitas obras de “terra adentro”, a Costa da Morte (do Solpor, diremos, con Lema Suárez) ten moitos relatos de naufraxios… pero o Carballo marítimo, con poucos quilómetros de ribeira, paréceme que se estrea así no mundo literario. O autor concreta ben o campo do seu estudo.Se  aparece en Malpica ou Caión (que non son do concello carballés) é por referencias necesarias. Querendo precisar aínda máis o escenario, diremos que son os Baixos de Baldaio os protagonistas da obra.

Nela non houbo necesidade de desmentir unha vez máis esa lenda contra os ribeireños da Costa da Morte. Dixeron que engañaban con luces en terra ós barcos que transitaban para que viñeran bater ós rochedos e así aproveitar os restos do naufraxio. Foi un alcume. Maceiras pon a verdade por riba de todo. Si, recollíanse os restos dos sinistros que o mar botaba fóra, pero os mariñeiros, cheos de frío, mollados… eran acollidos pola veciñanza.

Continuará…

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?