“Contos mariños de Carballo” (II) (por Xavier Maceiras)

por

Hai tres capítulos que nos parecen o corazón do libro. Son “O wolframio do Monte Neme”, o “Nuculana, petroleiro de Baldaio” e “O aeroporto das marismas”.

No primeiro deles, lemos unha vez máis aquel combate aéreo de agosto de 1.942. Pero ese episodio aparece dentro do ambiente que rodeaba ao mundo carballés no tempo do wolframio. Máis aínda, temos lido o que pasou co avión inglés, derribado, que veu caer a terras de Verdes-Coristanco, pero pouco nos contaron da sorte do avión alemán, que non foi mellor e veu caer a terras de Caión-Arteixo. Ten moito engado o relato do noso autor.

O “Nuculana” lévanos a unha pretendida explotación de marisco en Baldaio. “O aeroporto”, puido ser que alí se chegase a facer o que máis tarde se fixo en Alvedro.

“A loita polas marismas”. De plena actualidade, que moitos lembramos.

Como lecturas anecdóticas: “A campá de Santa Irene”, e “A orixe do apelido Pacoret en Carballo”.Neste caso, cabe salientar a importancia dos nosos arquivos parroquiais. Se non fora pola información que aportan os arquivos parroquiais nos que Maceiras fixo as súas pescudas, diríamos que o apelido estaría vencellado a presencia da francesada napoleónica en España; como os apelidos italianos, a Carlos III, e os cataláns, ás empresas da pesca; e os portugueses, ós serrachíns que acó viñan traballar nos nosos montes.

Recomendamos ler e gardar o libro. Tamén é para agasallar ós que non son amigos de ler, pois aprenderán a gozar con obra tan amena e familiar. Para despois poder contar.

Felicitamos ao Concello de Carballo por patrocinar este traballo. Era unha necesidade sentida, non podemos vivir dando  costas ao mar, ou telo coma un reducto para vacacións. Garda moita historia e cultura bergantiñá.

Non temos a honra de coñecer ó Autor, pero vaia desde aquí a nosa modesta felicitación.

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?