Currunchos de Bergantiños

por

Con este título vén de publicar o amigo D. Ricardo Bello Mato, un libro máis sobre a súa amada terra bergantiñá.

O noso mundo rural conserva aínda moitas noticias de tradición que poden perderse, tal como podemos entrever. Hai un despoboamento manifesto, un avellantamento nas xeracións que vivían do campo, unha mocedade que, con maior formación ca dos seus pais e avós, quere situarse en profesións de menos esforzo e máis aprecio social.

A D. Ricardo Bello dóelle que se perda tanta riqueza, tanta vitalidade que nos deixaron as xeracións pasadas. Percorre el, unha vez máis, toda a bisbarra bergantiñá. Agora, tratando de atopar o máis humilde, os tesouros que agocha cada curruncho.

A súa paseata é por todos os concellos e parroquias. Non nos sorprenderá que a parroquia de Cances sexa a que máis espacio ocupa nas súas obras. Explicable: é a súa parroquia natal.

Camiños, fontes, capelas desaparecidas, valados feitos con “pedra seca”, obra dos nosos artistas canteiros… As aportacións que fixeron os párrocos, as axudas dos alcaldes ós esforzos dos veciños… todo queda rexistrado no traballo do Sr. Bello Mato.

Aparece nel a condición sacerdotal do Autor. Lembra os textos da Biblia que poden explicar mellor o contido nunha ermida; tamén aporta a información haxiográfica referente ó santo titular.

Outro capítulo son as experiencias vividas na súa nenez e pubertade en Bergantiños.

Finalmente, hai un traballo de campo. O Sr. Bello ponse en contacto coas xentes, dialoga para obter información directa. Quero subliñar, como exemplo, o relato sobre os Muiños de Verdes (“Refuxio”, chámase agora, como voz turística). Aquí Bello danos os nomes dos propietarios, un por un, dos muiños alí prantados. Sirva como exemplo.

Quizais o exemplo mellor estea en ver que un sacerdote que vai chegando ós 93 anos, sigue traballando polo ben da Nosa Terra. Parabéns ao amigo D. Ricardo e que  por moitos anos.

Xosé Pumar Gándara

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?