ORACIÓN VENRES SANTO (SAN CRISTOVO)
Devotos crentes de Carballo:
Ben sabedes que cando nunha familia a morte leva a aquél que é o centro, o animador, a persoa na que todos teñen posta a súa esperanza, xúntanse fillos e netos, irmáns, para consolarse mutuamente.
Para nós, neste Venres Santo, falta Xesús de Nazaret, o Fillo de Deus e irmán noso pola súa Encarnación.
Vimos, pois, desde San Cristovo no occidente da parroquia, para consolarnos cos demais fregueses, irmáns na Fe.
Traemos o sepulcro de Xesús, que o temos ben a vista naquela igrexa. Pero a sepultura de Cristo é o xermolo da súa Resurrección. Por iso, mesmo fronte á urna de Cristo Xacente, temos a imaxe de Cristo triunfante na súa Resurrección. Misterio que mañá celebraremos na Vixilia Pascual.
Por iso, esta non é unha hora para o derrotismo, para o pesimismo, senón para a esperanza cristiá.
Dirixamos os nosos ollos a María Dolorosa, Nai aflixida, tamén recoñecida como Nosa Señora da Soedade, e Nosa Señora da Esperanza.
María dá sepultura devota ao seu Fillo morto na Crucifixión. As bágoas da Nai, son semente de Resurrección. Como as nosas, cando a morte nos leva un ser querido, esa dor testimoniada no noso chorar, é anuncio da victoria sobre a morte.
Nós, como Cristo e por Cristo, Señor da Vida e da Morte, tamén estamos chamados á nosa glorificación.
Louvado sexa o Señor!