Don Antonio Fraguas Fraguas

por

Falouse tanto del este Día das Letras Galegas, que xa é difícil dicir algo máis. Todas as louvanzas que se lle tributaron son moi merecidas. Quixera engadir algo pola miña conta, pois cheguei a tratalo en Santiago e en Padrón.

Moi amigo de ir a Misa, de visitar as igrexas. Hai unha fotografía na obra Galicia Eterna publicada haberá 25 anos, na que se ve a Don Antonio bicando unha reliquia de San Brais na igrexa conventual de San Paio, en Compostela.

Despois que se fundou o Museo do Pobo Galego, do que el foi o primeiro director, era fácil velo, xa encorvadiño, indo cara o vello convento de San Domingo de Bonaval. Moito tivo que ordenar alí. Fixo doazón da súa biblioteca a este Museo. Quedou tan só coa Gran Biblioteca Galega (60 tomos) nos que el colaborara con múltiples artigos sobre temas variados da etnografía galega.

Contestou amablemente a unha carta na que eu lle preguntaba sobre un Coloquial de Fonseca que el tratara na súa obra sobre esta fundación compostelá do arcebispo Fonseca III. Ese Colegial era Don Paulo Anxel Aldao Breixo, fundador da meritísima Obra do Sto Anxo de Erbecedo, pola que, doce nenos da aldea de Silván (e máis, se non os houbera alí) tiñan dereito a ser instruidos polo mestre da Fundación. E con máis cousas favoreceu este Aldao Breixo á parroquia de Erbecedo.

Conservo a carta á que me refiro.

Estando os dous na sacristía da igrexa de Padrón falamos da chegada do Apóstolo Santiago a España. El, Don Antonio, concebíaa así. Os Cebedeos (Santiago e Xoán, Apóstolos de Xesús) pertencían a unha familia económicamente poderosa. En efecto, en Marcos I,20, dísenos que os Cebedeos tiñan xornaleiros.

Razonaba Don Antonio: polo tanto, non só pescaban no mar de Galilea, senón tamén no Mediterráneo. Para isto precísase unha flota poderosa para pescar no mar. Velaí o medio que tivo Santiago para achegarse a España. Conclúe D. Antonio.

Esta conversa foi un domingo de maio, o seguinte ó Día das Letras Galegas, no que eminentes figuras da nosa cultura galega, tiñan unha Misa lembrando ós antepasados galeguistas. Despois, nese domingo, era a entrega do Pedrón de Ouro. Lembro a sabios galegos que viñan a aquela Misa: Filgueira Valverde, Sixto Seco, Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas… E algún máis.

Certamente, a xeración que iniciou o movimento cultural de Galicia no século XX eran todos recoñecidos crentes.

Rematabamos cantando o Himno Galego.

Xosé Pumar Gándara

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?