En memoria de D. Xesús Antelo Quintáns (e.p.d.)

por parroquiacarballo

No mes de maio de 1.941, cando abrochaban as carballeiras da Nosa Terra, naceu D. Xesús, no Casal de Rial, preto da igrexa parroquial. Aquela casa fidalga ten visión largacia cara o Val de Dubra, albiscando a igrexa de Niveiro, na outra banda do Val. Nesa mesma casa, na xeración anterior (tíos pois de D. Xesús) naceran un sacerdote, dous médicos e dous mestres de ensinanza primaria. Era, pois, unha familia talvez a máis sobranceira de Dubra.

D. Xesús, neno, veu para Buxán, cabo de seu tío e padriño, o noso párroco D. Xesús Antelo Rodríguez. Alí foi á escola. Pola acción pastoral deste párroco xurdiron alí vocacións sacerdotais que floreceron pouco despois de finado o sacerdote que sementara ese don nas almas dos fregueses. Efectivamente, finou en 1.962 e aqueles xóvenes presbíteros foron ordenados no 1.964,1.965 e 1.968. Velaquí os seus nomes: D. Xesús Antelo, D. Cándido Señarís, D. Xosé Cornes, D. Manuel Xixirei (que é o único que sobrevive). Esta promoción sacerdotal foi a gloria de Dubra e deixou gran recordo nos destinos que tiveron na nosa diocese.

D. Xesús Antelo, a pouco de ser cura, foi nomeado para exercer en Carballo e, sucesivamente, en máis freguesías bergantiñás. Por tanto, foron 60 anos de servizo sacerdotal a Bergantiños. Así era el o máis veterano deste clero. Foi tamén arcipreste de Bergantiños e Carballés do Ano. As cualidades que a Providencia puxo en D. Xesús fixeron del un instrumento adecuado para evanxelizar nos múltiples cargos que tivo.

A súa harmonía e paz interior non lle permitían tolerar que igrexas, casas rectorais… permanecesen en deterioro constante. Tiña el gusto para rehabilitar, recuperar o que podía perderse. Con facultades para o diálogo, e conversa imaxinativa, poñía de manifesto xeitos de ver os conflictos, que así podía resolver e gañar amizades. Contaba con eses carismas que o constituían un pastor efectivo, silencioso. Entendía a idiosincrasia bergantiñá!

A súa colaboración coa nosa cultura facíaa no mesmo intre da evanxelización. Nas súas igrexas resoaba sempre a lingua galega. Así a Palabra de Dios entra mellor na alma dos naturais de aquí.

Foi o gran apoio da sociedade cultural S. Campio. Os grupos de gaiteiros e bailes de Cances eran a máis esperada intervención alí onde ían.

Quedaba a derradeira e suprema lección da súa fructuosa vida. Os últimos meses foron dominados por unha enfermidade, que, se nalgúns instantes infundía esperanzas, o mal foi avanzando.

 

Con paciencia e sacrificio, poñíase nas mans de Dios e así subía cada día un paso máis coa súa Cruz o camiño do Calvario. Certo que contaba cos coidados da familia e médicos que se desvivían por el. Contaba coas pregas de fregueses e amigos que se interesaban acotío pola súa saúde.

Así chegou D. Xesús ás mans do Pai Eterno plenamente purificado e con grandes merecementos que Dios premiará.

Sentimos todos a orfandade que impón a súa ausencia. ¿Quedarán ermos os campos onde D. Xesús sementou a Palabra do Evanxelio? ¿Finará deserta tanta obra que el fixo entre nós? ¿Non haberá quen collendo a antorcha da Fe que el viviu, se faga cargo de seguir iluminando a mente dos cristiáns?

Coidamos que a intercesión primordial de D. Xesús ante Dios será para que vocacións sacerdotais sigan a estela que el deixou entre nós. E así, cubriríase o valeiro que hoxe sentimos.

Rematamos con esperanza.

Descanse en paz o Rvdo. D. Xesús Antelo Quintáns. Amén

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?