Festividade de Sta María da Asunción

por parroquiacarballo

Se en todo o mundo neste día se venera a Nosa Señora, (como di unha frase ben sabida) non pode faltar Bergantiños nesta cita para honrar a María Santísima.

Están de festa patronal recoñecidas parroquias como son: Rus, Bértoa, Ardaña, Cereo. Polos adros son levadas en procesión as valiosas imaxes da Asunción. María vai cos brazos alzados porque vai ser acollida, mira ao alto, vestes movidas polo vento, anxos portadores con sorrisos nos labios. Todo para expresar, como humanamente podemos, o gran misterio do triunfo de María. Que nos importa, porque como Nai, está pendente de todos os seus fillos.

Quizais a festa máis popular neste día sexa a que hai en Vilamaior, terra de Santa Comba – Xallas, no sur de Bergantiños.

Terras que foron famosas nos tempos do wolframio (1.940-50) como tamén o foi o concello de Carballo.

O santuario de Vilamaior concentra neste día devotos de Dubra, Céltigos e Bergantiños.

A igrexa parroquial, por tanta concurrencia, foi ampliada uns metros, adiantando a fachada. Obra arredor de 1.950.

Nos anos 1.959-61 celebráronse na nosa diocese Congresos Marianos en Pontevedra, Coruña e Santiago. Iniciativa do cardeal Quiroga. Cando a clausura do Congreso de Santiago, Quiroga, por cansancio de tanto traballo, estivo internado no sanatorio Ntra. Sra. Da Esperanza.

Na clausura estiveron presentes imaxes de santuarios máis coñecidos. Así, entre outras, as de Caión, Muxía e Vilamaior. Desfilaron todas pasando por diante do sanatorio para satisfacción do cardeal enfermo. Era polo verán de 1.961. El bendecía desde a fiestra.

As terras de Céltigos (nome daquel arciprestado) son habitadas, cultivadas por galegos traballadores. Hoxe presentan granxas con gandería, tras un gran esforzo por renovar as vellas explotacións familiares. Anque a emigración levou moitos brazos que poderían dedicarse ó campo, con todo, hoxe, Xallas ofrece os mellores rendimentos en leite e gando vacún.

Cando vén a festa de Nosa Señora fanse presentes os paisanos da emigración. Veñen para retomar ánimos no relixioso e no familiar e cultural. Hoxe non hai as “merendas” preto do santuario, como antano, porque os medios de locomoción permiten o regreso ás casas, con máis comodidade para todos. Como recordo, almanaques, estampas de Nosa Sra de Vilamaior, adornarán as estancias destes devotos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?