Historia dunha cabeza

por parroquiacarballo

A Catedral de Santiago, ésta, a actual, empezou a edificarse no ano 1.075 según se ve nunha inscrición que hai na capela do Salvador (tamén coñecida como de S. Lois, rei de Francia). Era bispo de Compostela don Diego Peláez. Antes houbera a igrexa feita polo rei Alfonso II, que cabía dentro e tiña culto. Ata que xa non facía falta e foi derrumbada.

Continuou a obra o xa arcebispo don Diego Xelmírez. Nos tempos do arcebispo don Pedro Suárez de Deza, foi cando se fixo a parte máis famosa e artística da Catedral: o Pórtico da Gloria.

No ano 1.211 fíxose a consagración da Catedral polo arcebispo don Pedro Muñiz, natural de Brión- Amaia. Hai doce cruces moi artísticas nas paredes da Catedral que son testemuñas daquela consagración feita polo mes de abril.

O Pórtico pagouno o rei Fernando II e dou unha pensión vitalicia ó Mestre Mateo por facer tan grandiosa obra.

Pero pasou o seguinte. Mateo puxo o seu rostro nun daqueles anciáns que tocan no ceo con instrumentos de época. Así se quería inmortalizar. Pero sóuboo o arcebispo Suárez de Deza e mandouno chamar. E díxolle a Mateo que era ser presuntuoso poñerse na Gloria cando aínda estamos na terra e podemos ser pecadores.

Moi triste quedou Mateo. Pero el sabía que había catedrais nas que arquitectos e figuras importantes quixeron ser inmortalizados nas súas obras.

Cavilou Mateo e fixo o seguinte. Non poderei estar na Gloria porque son pecador pero podo quedar, de costas ó Pórtico, mirando ó Señor Santiago que está no altar maior. E así o fixo. Así temos o chamado Santo dos Croques, é o Mestre Mateo, sabio e humilde que quixo quedar ó pé da súa obra.

Fermosa lenda. En Roma hai outra semellante, pero moito máis tardía. Contan que cando Miguel Anxel pintaba a bóveda da Capela Sixtina, había un cardeal que pasaba por alí e queixábase, parecíalle que a obra ía mal, non era digna dunha igrexa. E así varias veces. Tantas que Miguel Anxel acabou poñendo a casa do cardeal no inferno.

Decatouse o ofendido e foillo contar ó papa para que castigase ó pintor. Preguntou o pontífice: ¿onde te puxo?- No inferno, contestou o cardeal. Pois de aí non te podo sacar, amigo. Se fose no Purgatorio… reponsa con sorna o papa.

“Se non é vero é ben trovato” que din os italianos.

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?