Imaxes do Apóstolo

por parroquiacarballo

Se percorremos a Catedral e igrexas adicadas a Santiago veremos varias representacións do noso Patrón.

-Apóstolo Peregrino.- É a imaxe máis propia dun evanxelizador que vén de lonxe. Vai o santo, ás veces, camiñando con présa, porque ten moito labor que facer. Paso largo, a vestimenta moi movida. Pero tamén hai o Peregrino que anda amodiño porque vai lendo e disfrutando co texto do Evanxeo. En Sísamo, en Arteixo, en Carballo, Oza, hai imaxes de cada exemplo que puxen. Ao noso Castelao era a imaxe que máis lle gustaba. Non así a imaxe de Santiago Cabaleiro.

O Peregrino leva sombreiro, escraviña, bordón, todo decorado con vieiras.

-Santiago Camiñante.- Leva traxe curto e recollido. Así andaban con máis facilidade os que viñan a Compostela.

Aquí quero subliñar unha estampa do estandarte que hai en Sísamo. Santiago aparece canso e ten á súa beira un canciño fiel. Moi tenra a escena.

-Santiago Sedente.- Maiestático, como mestre da Fe presidindo a comunidade que el fundou. Así é o Santiago que aparece no altar maior da Catedral. A esta imaxe regaloulle unha escraviña de prata o arcebispo Monroy

O santo leva na man esquerda o báculo, na dereita unha cartela na que se le algo referido a predicación do Evanxeo.

Á imaxe devandita tamén lle regalou escraviña e bordón o arcebispo Raxoi. Quizais se perderon na invasión napoleónica dó por 1.807. Tamén o arcebispo Malvar lle ragalou un colar.

-Santiago Acolledor.- O do parteluz do Pórtico da Gloria. Un leve sorriso nos beizos, saudando ós peregrinos. Leva man en báculo en forma de  tau,   letra griega T, que é distintivo dos arcebispos de Santiago.

Ao papa Xoán Paulo II regaláronlle un báculo así cando veu a Compostela. Gárdase preto da sala capitular. Foi recollido por D. Salvador Domato, para que non o levase a Roma. Gran recordo.

-Santiago Peregrino ante a Virxe.- Necesitaba ánimos o Apóstolo para non cansar na evanxelización. María vén a confortalo. Así está no altar marmóreo da capela do Pilar, na Catedral, obra sufragada polo arcebispo Monroi. Alí está sepultado.

-Santiago Cabaleiro.- Ser cabaleiro era un honor. Así foi D. Quijote, endereitador de cousas tortas. Pois con esta boa intención crearon o Santiago Cabaleiro. Hai moitos santos que tamén os representan dacabalo loitando contra o mal.

Imaxes do Cabaleiro témolas na Catedral, no pazo de Raxoi, en Sísamo, en Padrón… Hai que saber interpretar a boa intención. Todos militamos contra o mal. Pero non queremos guerras contra ninguén, senón paz, amor e perdón.

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?