Lembranza de monseñor Suquía

por parroquiacarballo

     Adoitan dicir que os vellos viven de recordos do pasado porque futuro xa non teñen, ou teñen pouco. Por isto lembro a D. Anxo Suquía, arcebispo vasco que rexíu a diocese compostelá desde 1.973 a 1.984. Pouco tempo, pero o seu paso deu uns modos de adaptación ó Concilio Vaticano II que aínda hoxe perduran. Foi el o primeiro arcebispo en asistir ós enterros dos sacerdotes. Era fisonomista, coñecía a todos un por un.

    Sentía a súa orixe vasca e así entendía moi ben o galeguismo. Unha homilía súa na igrexa de Pontedeume abríu paso a moitas outras tamén en galego entre o clero. Monseñor Suquía escribíu no BOAS a homilía en vasco que el pronunciara no funeral por seu pai. Bo escritor tamén en castelán. Así, en artigos anunciando a visita de Xoán Paulo II a Compostela. Poden verse no BOAS.

    Tiña grandes cualidades. Así sucedeu a tres cardenales españoles de renome, como foron Herrera Oria, Quiroga Palacios e Enrique Tarancón. Non desmereceu ante ningún deles. Máis aínda, en Madrid rematou a Catedral, empezada a comenzos do século XX e pasaron varios obispos (…Eijo, Morcillo, Tarancón…) que non se atreveron á obra.

    As primeiras palabras que pronunciou en Santiago na toma de posesión foron: “Un obispo vasco…” aludindo á carreira que viña facendo: Zaldivia, Almería, Málaga.

    Gustáballe recordar que o gran escritor, historiador, galeguista, Manuel Antonio Martínez Murguía (esposo de Rosalía de Castro) era vasco por parte de súa nai.

    Recordo que un día oíno queixarse de que na Catedral de Santiago suprimiran a capela que había na xirola adicada a Sta. Fe de Conques. Esta Santa Fe é unha mártir francesa moi venerada no país vasco. O seu santuario en Conques (Francia) ten moito que ver co Camiño de Santiago, no arquitectónico, no popular e no relixioso. Gran abadía benedictina.

    Pois ben. Monseñor fora bautizado (dicía el) na igrexa que en Zaldivia está dedicada a esta Sta. Fe. Por iso lle doía que se perdera o seu culto na Catedral.

    Ao instante díxenlle a monseñor que esa capela existía, que era a que tamén coñecían por capela de S. Bartomeu, das orixinais da Catedral no século XII. Paréceme que dudou da miña información. Cheguei á casa, tomei unha autorizada Guía da Catedral, como é a de Guerra Campos, e díxenlle: “en tal páxina ten Vd. a capela de Sta. Fe na Catedral”. Díxenllo por carta. Non me contestou. Era xa naqueles días nos que el se dispoñía a marchar para Madrid.

    NOTA.- A capela de Sta. Fe, mártir, está mesmo en fronte da portiña pola que se baixa a venerar a tumba do Apóstolo.

    No decurso do tempo, na Catedral, por obras de ampliación, desapareceron varias capelas.

    Como os franceses sentían súa a capela de S. Luis de Francia (que está á man dereita entrando pola Porta Santa), así os vascos sentábanse na capela de Sta Fe de Conques.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?