Lembranzas de Asunción Antelo

por

A

     Cando me cadra pasar por diante da súa casa,  agora pechada, vén á miña mente aquilo de Rosalía: Miña casiña meu lar, cántas onzas de ouro me vals

Porque Asunción quixo vivir acobellada na súa lareira, a carón do lume que ardía no seu lar, a chimenea anunciaba o que Asunción facía.

Non quixo TV nin radio, anque os tiña na casa, lía a prensa decote. Aqueles medios mermaban a súa capacidade creativa, mentres que a lectura estimulábaa.

Boa caligrafía. Recordo aquelas libretas nas que Asunción poñía a súa prosa e os seus versos. A fraseoloxía nidiamente bergantiñá, en cada liña.

Cabo da súa casa, a horta, con mazanceiras e nogueiras; o museo, no que tanto colaborou seu irmán Xosé. O hórreo que, polas súas dimensións fai pensar en boas anadas de millo.

A fonte de Santa María, co retablo pétreo que ela  mesma dispuxo. Diante desta obra quixo ser fotografada polo amigo Xosé Manuel Casal. A beira mesmo, o muíño que moe con aquelas augas. Máis adiante, un monolito alusivo á nosa triste  guerra civil. E un roseiral no que teño visto a Asunción disfrutando da calor do sol.

O camiño que vai ó Marco da Cruz. Un fito querido por Asunción. Alí parten Seavia e Traba. Un gran callao na división. Desapareceu cando do camiño fixeron pista. Deica alí ía Asunción en cadeira de rodas levada pola fidelísima coidadora Isabel Rey.

A toda esta paraxe chegaba o monacal son da campá de Seavia. Qué terán as campás para seren tan evocadas polos nosos mellores poetas?

B

     Pondal ten na súa pequeña Ponteceso ben sinalados camiños e topónimos dos que fala en Queixumes. Para Rosalía de Castro están restablecendo o seu roteiro vital, que vai de Santiago a Padrón, pasando por  Ortoño  e Bastavales.

Pregunto: Non estaría ben algo semellante no caso da nosa Asunción Antelo? A súa casa, ben restaurada, debería ser un centro de estudos bergantiñáns. Alí, a súa biblioteca, orixinais, fotografías… Xunto co Museo teriamos algo vivo que inmortalizase para futuras xeracións a persoa e obra da Rexubeira de Bergantiños.

A Deputación Provincial e o Concello de Coristanco moito son de louvar polo catálogo das obras artísticas de Asunción, recentemente publicado. Faltan algunhas importantes.

Hai un Crucifixo, en barro, saído das mans de Asunción, que ten unha expresividade garimosa, que somentes unha muller profundamente sensible ante as cousas de Deus, pode poñer na obra feita. Así façían os mellores escultores dos nosos tempos.

Que descanse en paz a admirada Asunción.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?