Libro das Vodas de Ouro

por

A promoción de sacerdotes que neste ano 2.016 celebrou as súas Vodas de Ouro, vén de publicar un libro que recolle todas as vivencias dos 12 anos de carreira. O particular deste curso é que foi o derradeiro que estivo en S. Roque, vello hospital aproveitado para dar cabida a tantos seminaristas naqueles tempos. Foron estes alumnos os primeiros que pasaron ao Seminario Menor de Belvis e despois pasaron ao maior de S. Martín, onde estiveron en anos anteriores e posteriores á súa restauración.

A idea de editar estes libros-memoria empezou coa promoción das Vodas de Ouro no 1.999. Gustoume tanto a idea que pensei que as sucesivas xeracións sacerdotais, todas, publicarían unha obra semellante. Non foi así. Hai cursos que quizais por non haber unha comisión responsable, nada fixemos. Lamentablemente.

Estes libros son optimismo, anécdotas, ilusión. Hai unha introducción xeral de ambientación e despois cada alumno, sexa presbítero ou non, conta a súa experiencia do seminario e posterior. Con fotos ilustrativas. Case sempre as da ordenación polo cardeal Quiroga, de quen, di o libro, ordenaría uns 800 sacerdotes no tempo que serviu á diocese.

Este curso de 2.016 hoxe ofrece a seguinte estatística: 20 sacerdotes, 17 secularizados, 17 difuntos. En total, pois,54, teño oído que a promoción máis numerosa foi a do 1.961, con 65 ordenados.

No libro que comentamos aparece unha semblanza dos profesores. Os que reciben mellor galardón son, con razón, Guerra Campos e Pérez Rajoán.

Tiña este curso un himno propio (Salve juventud ardorosa) con letra do profesor Méndez Palleiro e música  dun alumno. Ese himno é o único que vai en castelán.

Remata o libro con traballos de García Cortés e López Castro sobre a historia eclesiástica do tempo e a música na liturxia, no que ambos son especialistas.

Felicitamos ao amigo D. Xesús Alvite, párroco de Rus, pertencente a esta promoción, quen tivo o gusto de facernos o agasallo do libro conmemorarivo e que  gardarei xunto con outros semellantes.

Coido que, a medida que vaia descendendo o número de ordenados, como está pasando, non haberá quen nos ofreza páxinas tan fermosas coma estas de 2.016.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?